O Goberno reitera que baixará as peaxes da AP-9 e o BNG ínstalles a concretar cando
Por Alejandro Espiño
O executivo de Pedro Sánchez asegura que se mantén firme no seu compromiso de rebaixar as peaxes da autoestrada AP-9. Así o asegurou este mércores o ministro de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana, José Luis Ábalos, no Congreso. Iso si, sen dar data.
Foi a súa resposta á pregunta do deputado do BNG, Néstor Rego, que esixía "concreción" sobre estes prazos para cumprir cun dos puntos recollidos no acordo de investidura asinado entre nacionalistas e socialistas.
Rego entende que esta rebaixa no custo por circular pola AP-9 debe aplicarse "de inmediato" e lembra que existen partidas nos orzamentos xerais aprobados para abaratar o prezo da autoestrada galega.
A AP-9, apuntou o deputado do BNG na súa intervención, "é unha das máis caras do Estado e unha das poucas con concesións de longa duración".
Entre as medidas que deberían aplicarse, segundo detallou Néstor Rego, estarían a bonificación do 100% para usuarios recorrentes, a gratuidade do tramo Vigo-Redondela ou o compromiso de eliminar o incremento de tarifas acumulativo durante 20 anos.
"Non se entende que o Goberno, no canto de anunciar que o 1 de xaneiro comezábanse a aplicar as bonificacións, anunciáranos un novo incremento das tarifas", dixo Rego, para quen "cada día que pasa" sen que se apliquen estas medidas "afecta á credibilidade" do Goberno e "cada vez serán máis os galegos que pensan que non son vostedes de fiar".
Na súa intervención, Ábalos asegurou que o Goberno está cos "trámites" para poder aprobar o Real Decreto que recollerá estas bonificacións, ás que se destinarán 55 millóns de euros. "Son dos tercios de lo que se gasta el Estado", dixo, neste tipo de iniciativas.
O ministro sinalou que esta tramitación é "compleja" porque, engadiu, "no se trata de paliar una situación temporal" xa que estas bonificacións deben "perdurar en el tiempo" ata a finalización da concesión, polo que "necesitamos que tenga rigor". Debe ser, ademais, unha medida "negociada", entre outros, coa concesionaria.
Tras destacar que "los más interesados somos nosotros" en sacar adiante esta medida, Ábalos asegurou que "en su mano está decidir celebrarlo o seguir protestando". Concluíu afirmando que "apúntese usted el éxito" de lograr este acordo.
Relacionadas:
-
O Goberno autoriza a senda de gasto que permitirá as bonificacións de peaxes na AP-9 ata 2048
Por Natalia Puga |
-
Ábalos anuncia a rebaixa das peaxes da AP-9 para xullo e a chegada do AVE para outono
Por Oskar Viéitez |
-
Unanimidade plenaria para pedir a rebaixa da peaxe e a transferencia da AP-9 a Galicia
Por Redacción |
-
O BNG esixe ao Goberno central a baixada inmediata das peaxes da AP-9
Por Redacción |
-
A presidenta da Deputación pídelle ao Estado "axilidade" na rebaixa das peaxes da AP-9
Por Oskar Viéitez |
-
Audasa estrea o ano cunha subida das peaxes da autoestrada AP-9
Por Oskar Viéitez |