Os socialistas denuncian que Sanxenxo non aprobou ningunha axuda á hostalería e o comercio
Por Redacción
O PSdeG-PSOE de Sanxenxo amosa a súa preocupación porque nun ano, o ente municipal "non aprobou ningunha axuda directa para garantir a supervivencia" de sectores tan afectados pola covid-19 como son a hostalería e o comercio, afirman desde o grupo municipal.
A agrupación socialista reclama ao Concello de Sanxenxo axudas concretas e directas para estes sectores.
No caso da hostalería, lembra que a "única medida" adoptada polo equipo de goberno de Telmo Martín foi a exención temporal do pago das taxas das terrazas. Insisten os socialistas que a inexistencia dun plan concreto de axudas no caso de Sanxenxo "é flagrante por ser un municipio cuxo principal motor económico é o turismo".
A líder do PSOE local, Ainhoa Fervenza, denunciaba publicamente nos últimos días que o alcalde Telmo Martín aínda non solicitara as axudas aprobadas pola Deputación de Pontevedra o pasado mes de febreiro.
Ao non obter resposta por parte do rexedor, Fervenza insiste nas súas críticas, tanto para reclamar que se adopten medidas directas por parte do goberno local como para que se axilice a implantación de axudas procedentes doutras institucións.
"Telmo Martín prometeu en varias ocasións a creación de axudas propias, especialmente deseñadas para a hostalaría e o turismo. Un ano despois, seguimos agardando a que cumpra as súas promesas", manifesta Ainhoa Fervenza e lanza a pregunta de "como é posible que o concello con máis turismo de Galicia deixe morrer lentamente ao sector que lle dá de comer?".
Así mesmo, a líder dos socialistas sanxenxinos apunta o dato de que "ao principio da pandemia o alcalde anunciou aos catro ventos a reserva de 2 millóns de euros para axudas sociais, onde están eses cartos?", reflexiona Fervenza.
Ante a situación económica e sanitaria, o PSOE de Sanxenxo esíxelle ao goberno local que defina inmediatamente en que consisten as axudas directas prometidas e as poña en marcha.
Relacionadas:
-
Sanxenxo dará axudas directas municipais a negocios e autónomos do sector turístico
Por Redacción |
-
17 restaurantes e cafeterías de Sanxenxo recibirán axudas autonómicas para acondicionar terrazas ou vender a domicilio
Por Redacción |
-
O PSOE pide a Telmo Martín que aproveite os recursos da Deputación para un plan de axudas
Por Redacción |
-
O PSOE de Sanxenxo pregunta a Telmo Martín onde están os dous millóns de euros prometidos para axuda social
Por Redacción |