A danza tradicional na honra á 'Virxe dos Dolores' enxalza as festas de Anceu
Por Redacción
As festas dos Dolores en Anceu alcanzaron a súa máxima plenitude coa interpretación da danza tradicional a cargo dos mozos desta parroquia de Ponte Caldelas. Ao finalizar a misa solemne os danzantes formaron na explanada da igrexa e dedicaron varias reverencias á Virxe dos Dolores, portada por varios devotos que iniciaron a procesión entre o templo e o campo das festas.
A procesión contou coa presenza da Banda de Música de Tenorio e o grupo de gaitas Os Alegres de Pontevedra que foron tamén os encargados de poñer a música ás danzas interpretadas no campo da festa de Anceu.
Unha vez concluída e situada a imaxe da Virxe dos Dolores nun lugar destacado do campo da festa, tivo lugar a interpretación desta secular danza que se remonta no tempo á época na que Galicia estaba habitada por pobos de orixe celta.
Os mozos da parroquia contribúen coa súa dedicación e ensaios a manter viva esta tradición das chamadas Danzas Celtas ou Brancas que tamén teñen a súa expresión en lugares como Marín (Danza das Espadas), Carril (Vilagarcía) ou os Danzantes de Cobas, en Meaño.
Os integrantes deste grupo de danzantes bailaron ao son da música tradicional interpretada por Os Alegres de Pontevedra, portando coloridos arcos adornados con cintas multicolores entrelazando as súas coreografías cos elementos que levan, facendo que o espectáculo e a pericia dos participantes levanten a admiración e o aplauso do numeroso público presente. Tamén usaron paus e castañuelas que foron accionando durante a súa interpretación para levar o compás e o ritmo das danzas postas en escena ante cento de devotos da Virxe dos Dolores da parroquia de Anceu e doutras limítrofes.
A presenza dun intenso sol e altas temperaturas motivaron que os danzantes tivesen que refrescarse e bebesen auga en varias ocasións para poder proseguir coas súas composicións artísticas que foron recibidas con aplausos polo público presente.