Pontevedra xa ten operativos 20 novos colectores de compostaxe
Por Redacción
Este martes entraban en funcionamento os 20 novos colectores marróns para a compostaxe que foron instalados nas últimas horas. A Concellaría de Residuos Urbanos que dirixe Raimundo González Carballo é a responsable desta ampliación do servizo do Plan Composta.
Coincidindo coa posta en marcha dos colectores, nesta xornada comezaba tamén a visita aos domicilios dos veciños para lles informar do programa, entregarlles información escrita, unha tarxeta para abrir o colector, un caldeiro para almacenar os biorresiduos na casa e un paquete de bolsas biodegradables nas que levarán os refugallos orgánicos ao colector.
As persoas interesadas en participar no Plan Composta poden inscribirse na páxina web composta.pontevedra.gal e así poder recibir na súa casa dun xeito inmediato o seu kit de compostaxe.
Os vinte colectores marróns darán servizo a 30 rúas do centro urbano. As zonas nas que se distribuíron os colectores esténdense pola Moureira tradicional, dende a rúa Arcebispo Malvar ata Echegarai e a avenida do Uruguai; no ámbito de Rosalía de Castro o Plan Composta vén de chegar ata a rúa Manuel del Palacio e un tramo da avenida de Marín; e na contorna da avenida de Vigo, a recollida chegará a varias rúas perimetrais como Xermán Adrio ou a propia avenida de Vigo ata o edificio de Sanidade, aproximadamente.
Segundo explicaba o concelleiro delegado do servizo, Raimundo González, con esta segunda fase do Composta o sistema de recollida a través do colector marrón está na "Pontevedra máis compacta". Ademais, están en estudo zonas pendentes de implantar como a praza de Barcelos, na que a veciñanza pediu os dous sistemas de compostaxe, a comunitaria e a do colector marrón.
O concelleiro amósase satisfeito co resultado do programa de compostaxe. Na actualidade xa están repartidos arredor de 3.000 composteiros individuais nas parroquias do rural; instalados 28 centros de compostaxe, cunha ampliación prevista a 8 centros máis; e unha participación no sistema do colector de marrón de máis de 1.800 domicilios e 200 establecementos nesta primeira fase do programa.
Relacionadas:
-
Un ano do colector marrón: 730 toneladas, 2.155 fogares e 5.500 pontevedreses
Por Manu Otero |
-
Lores: "O Concello de Pontevedra ten no seu ADN o respecto polo medio ambiente"
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
A recollida selectiva superou en 2020 as catro mil toneladas de residuos, un 12% máis
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra organiza unha xornada técnica para 'afinar' o novo contrato do lixo
Por Redacción |
-
Trinta novas rúas súmanse ao Plan Composta para completar a 'Pontevedra compacta'
Por Alejandro Espiño |
-
Os contedores marróns recolleron máis de 275 toneladas de residuos orgánicos
Por Alejandro Espiño |
-
12.500 pontevedreses participan nos programas municipais de compostaxe
Por Manu Otero |
-
Recollen máis de 120 toneladas de residuos orgánicos a través do sistema de compostaxe domiciliaria
Por Redacción |
-
Uns 1.000 domicilios e establecementos de Pontevedra participan xa no programa Composta
Por Redacción |