O Pleno de Poio desestimou as alegacións presentadas contra o Orzamento municipal
Por Oskar Viéitez
O Orzamento municipal de 2021, o máis alto da historia de Poio ao ascender a 13 millóns de euros, está máis preto da súa aprobación definitiva, logo de que no Pleno extraordinario celebrado este martes se procedera á desestimación das alegacións presentadas cos votos a favor dos tres grupos que forman o equipo de Goberno (BNG, PSdeG-PSOE e Avante Poio).
O concelleiro de Facenda, o nacionalista Xulio Barreiro; o edil de Urbanismo, o socialista Gregorio Agís, e a responsable de Transparencia e Participación Veciñal, Silvia Díaz (Avante), agradeceron as achegas realizadas polas diferentes agrupacións locais durante o prazo establecido e lembraron que, se ben é preciso denegalas porque incumpren o artigo 170 da Lei de Facendas Locais, "iso non quere dicir que non se tiveran en conta as inquedanzas da cidadanía á hora de elaborar os Orzamentos", subliñaron.
Neste sentido, Barreiro detallou que as alegacións incluían 26 peticións, das cales cinco non son competencia do Concello, oito xa están realizadas ou en execución e nove fan referencia a actuacións que se prevén executar este ano.
A todas elas hai que sumarlles outras catro preguntas que se recollían nestes escritos para consultar dúbidas.
Pola súa banda, o portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Ángel Moldes criticou que "o tripartito ignora aos veciños e vota en contra das alegacións aos Orzamentos" e subliñou "que no pacto de goberno o tripartito prometeu transparencia e participación e hoxe demostraron que mentían".
DESESTIMACIÓN DA IMPUGNACIÓN DE BONIFICACIÓNS
O Pleno extraordinario tamén serviu para que a Corporación desestimase a solicitude de impugnación formulada polo Partido Popular contra as bonificacións nos recibo do IBI e do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), que entrarán en vigor o vindeiro ano. O equipo de Goberno votou a favor deste rexeitamento, baseándose no informe emitido polo departamento de Intervención, no que descarta que a aprobación destas bonificacións sexa incompleta, ao non contar cun estudo técnico-económico.
Os dirixentes locais lamentaron a "insistencia do Partido Popular en tratar de confundir á cidadanía" con respecto a estas futuras bonificacións, pola súa banda Moldes dixo que "seguiremos loitando para que o Tripartito non suba os impostos ás veciñas e aos veciños de Poio".