Nega ter agredido sexualmente a unha septuaxenaria na súa casa de Bueu
Por Oskar Viéitez
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra deu inicio este martes o xuízo contra un home para o que a Fiscalía pide penas que suman 21 anos de prisión por, supostamente, agredir sexualmente a unha muller septuaxenaria na súa vivenda de Bueu, á que tamén golpeou e roubou.
Ao comezo do xuízo o acusado negou os feitos que se lle imputan aínda que a súa declaración terá que esperar ata a última sesión da vista oral.
O xuízo por estes feitos retomouse este martes despois de que fose suspendido o pasado 12 de xaneiro porque o avogado defensor presentaba síntomas compatibles co coronavirus.
Nesta ocasión o letrado expuxo unha serie de cuestións previas, a máis rechamante foi unha petición para que o acusado declarase en último lugar tras a práctica da proba. O avogado da defensa argumentou que é unha circunstancia que"próximamente estará vigente con el nuevo Código Procesal Penal". Neste mesmo sentido respondeulle a fiscal, lembrando á sala que este home está a ser xulgado "seguindo os trámites legalmente previstos a día de hoxe".
O tribunal aceptou a petición do avogado e o seu cliente será o último en declarar no plenario.
A defensa tamén alegou a "vulneración del derecho a la intimidad" do seu cliente, ao entender que durante a investigación obtívose o seu perfil xenético "con engaño" por parte da Garda Civil polo que a práctica desta proba foi "fraudulenta". A fiscal replicou que non vai utilizar esa proba durante o xuízo, polo que non pon reparos á queixa do letrado. "Non nos interesa esa proba", dixo. O Ministerio Público conta con outra recollida de mostras biolóxicas que se obtivo coa autorización expresa do acusado e estando asistido nese momento polo seu avogado. "Todo se practicou legalmente, respectando e garantindo a súa intimidade", subliñou a fiscal.
Ademais o avogado protestou porque a vítima, unha muller de preto de 80 anos, comparecese por videoconferencia e asistida por un psicólogo. Considera o letrado que esa debe ser unha "situación excepcional" e esixiu "un proceso con todas las garantías y en igualdad de armas" xa que "entendemos que no está motivada" esa declaración por vía telemática.
O Tribunal desestimou esta petición e a muller ía declarar por videoconferencia pero problemas técnicos imposibilitaron a conexión polo que tivo que acudir persoalmente ata a Audiencia onde compareceu a porta pechada. Ordenando o tribunal o desaloxo do público da sala durante a súa declaración.
ACUSACIÓN
Segundo o escrito de acusación pública, os feitos polos que se xulga a este home ocorreron na madrugada do 3 ao 4 de marzo de 2017, cando o acusado, vestido con roupa escura e coa cabeza cuberta por un pasamontañas, entrou nunha vivenda en Bueu tras romper os cristais e os barrotes dunha porta.
Na vivenda atopábase a vítima soa, que foi sorprendida polo asaltante e non puido defenderse. Así, a Fiscalía relata no seu escrito que se abalanzou sobre a muller (de 75 anos de idade), á que golpeou e desposuíuna do pixama, antes de poñerlle cinta illante na boca, taparlle a cabeza con roupa e atarlle as mans por detrás e os xeonllos.
Tras agredila sexualmente, botoulle por encima o contido dunha botella de viño e, cun anaco de saba, tratou de limpar os xenitais da muller para tentar eliminar restos biolóxicos. A continuación, rouboulle 1.250 euros que a muller tiña nun bolso, tiroulle o teléfono móbil a un cubo de lixo na cociña e, despois de soltarlle a corda dos xeonllos, fuxiu da vivenda.
Como consecuencia do brutal ataque, a septuaxenaria sufriu unha crise nerviosa, así como diversas lesións físicas, entre elas hematomas, desgarro vaxinal e outras feridas causadas polas ataduras. Así mesmo, a muller sofre como secuela un trastorno neurótico e necesitou tratamento ansiolítico.
Por estes feitos, o ministerio público considera ao acusado autor dun delito de agresión sexual con penetración, outro de lesións e un de roubo con violencia, e considera que concorren as circunstancias agravantes de aleivosía e disfrace.
Pola agresión sexual pide que sexa condenado a 15 anos de cárcere; polo roubo a 4 anos; e polas lesións, a 2 anos de prisión. Tamén reclama que indemnice á vítima en 8.460 euros polas lesións e as secuelas, que lle devolva os 1.250 euros que lle roubou e que pague os 90 euros do arranxo dos cristais fracturados na casa (o resto de danos foron cubertos polo seguro).
Relacionadas:
-
Fiscalía ratifica a súa petición de condena para o acusado de violar unha anciá en Bueu
Por Oskar Viéitez |
-
O acusado de violar unha muller en Bueu asegura que "esa noite estiven en Marín na miña casa"
Por Oskar Viéitez |
-
A esposa do acusado de violar unha anciá en Bueu dálle coartada mentres que as probas de ADN o incriminan
Por Oskar Viéitez |
-
Suspenden o xuízo contra o acusado de violar a unha muller de 75 anos por un posible caso de covid
Por Oskar Viéitez |
-
Piden 21 anos de cárcere para o home acusado de violar unha anciá en Bueu
Por Redacción |
-
Envían a prisión ao presunto violador en serie de Marín
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada