Un ferido de consideración nunha explosión de gas nunha vivenda de Vilagarcía
Por Oskar Viéitez
Unha explosión de gas no primeiro piso do edificio número 10 da rúa Bosque dos Desamparados de Vilagarcía provocou feridas á parella que vivía na vivenda afectada. Un deles, un home de 55 anos, sufriu feridas de consideración con queimaduras importantes, e foi trasladado en helicóptero ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.
A deflagración produciuse minutos antes das 17.00 horas deste luns cando tentaban acender unha caldeira de gas.
O suceso causou importantes danos materiais no interior do piso e tamén a un coche estacionado na rúa sobre o que caeu a xanela do cuarto onde se atopaba a caldeira.
A Policía Local e Protección civil acordoaron a zona mentres traballan os equipos de emerxencias.
Ademais mobilizáronse os Bombeiros do Salnés e do Servizo Municipal de Emerxencias de Vilagarcía así como o persoal da empresa subministradora do gas que abastece a zona..
A Policía Nacional fíxose cargo da investigación. Os técnicos municipais inspeccionaron o edificio por se houbese danos estruturais, o inmoble foi desaloxado por precaución.
Finalmente, os servizos de emerxencias comunicaron que, tras finalizar as inspeccións polos técnicos municipais e comprobar que todo estaba seguro, os veciños xa podían acceder ás súas vivendas, agás á afectada.