Accidente múltiple en Cuntis ao invadir un camión o carril contrario
Por Oskar Viéitez
Dous camións e un turismo víronse implicados este luns nun accidente ocorrido ás 7.30 horas na estrada nacional N-640 á altura da curva de "O Candán", á saída de Cuntis tras pasar o Centro de Día en dirección á Anllada.
Segundo informaron desde os servizos de emerxencias, un camión que circulaba dirección Cuntis transportando peixe invadiu o carril contrario impactando lateralmente contra outro camión de maior tamaño que levaba unha carga de cartón.
Como consecuencia desta colisión viuse afectado un terceiro vehículo, que circulaba detrás do camión máis grande en dirección A Estrada.
O condutor da camioneta, un home duns 50 anos, necesitou atención médica porque estaba desorientado e moi nervioso.
Ata o lugar do accidente desprazáronse efectivos da Garda Civil de Tráfico, Protección Civil de Cuntis, o 061 e a Policía Local.