Trinta hospitalizados, oito deles críticos, entre os 457 casos activos por covid-19 en Pontevedra e O Salnés
Por Alejandro Espiño
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés arranca unha nova semana cun total de 457 casos activos por covid-19. Son 35 menos que onte, polo que continúa a tendencia á baixa. Nas últimas 24 horas, tan só se detectaron tres contaxios novos.
Iso si, o número de pacientes ingresados repunta lixeiramente, segundo o balance diario do Servizo Galego de Saúde, que cifra en 30 ás persoas hospitalizadas con coronavirus, unha máis que este domingo.
A maior parte dos hospitalizados (17) están en sendo atendidos en Montecelo. Outros cinco están no Hospital do Salnés. Non hai ningún paciente covid, pola súa banda, no QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.
No caso dos críticos, que están ingresados na unidade de coidados críticos (UCI) de Montecelo, son 8 nestes momentos. É un máis dos que había onte.
O resto dos que contraeron o virus, outras 427 persoas, atópanse illadas nos seus domicilios e recuperándose baixo supervisión médica.
Desde o inicio da pandemia 11.859 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19, 38 nas últimas 24 horas, e rexistráronse 158 falecementos asociados ao virus.
En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 169.795, 357 nas últimas horas. Delas, 3 deron positivo (0,84%). A estas probas súmanse as 86.222 seroloxías realizadas ata a data.
INCIDENCIA EN GALICIA
A nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública informa que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 3.514, 162 menos que o día anterior. Deles 1.247 son da área da Coruña, 304 da de Lugo, 225 da de Ourense, 457 da de Pontevedra, 606 da área de Vigo, 387 da de Santiago e 288 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 79 están en UCI, 319 en unidades de hospitalización e 3.116 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 107.951 persoas curadas, rexistrándose 2.275 falecementos.
Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 1.721.301 probas PCR, 6.543 nas últimas 24 horas, que permitiron detectar a 81 novos infectados.
Relacionadas:
-
Os pacientes na UCI volven a ser 9 nunha área sanitaria con 442 casos activos pola covid-19
Por Alejandro Espiño |
-
Un home de 78 anos, vítima 159 do coronavirus na área sanitaria
Por Redacción |
-
A incidencia acumulada da covid descende na Boa Vila por baixo de cen casos
Por Redacción |
-
Pontevedra baixa ata os 113 casos activos e Marín, único concello que crece, ata os 54 contaxiados
Por Alejandro Espiño |
-
Detectan catro positivos por covid-19 no cribado preventivo de Vilanova de Arousa
Por Redacción |
-
Os hospitales da área manteñen ingresados 29 pacientes con covid-19 nunha xornada con 492 casos activos
Por Alejandro Espiño |