Os virus mutan de forma natural e por tanto este coronavirus, causante da COVID-19, non é alleo ás mutacións. O SARS- CoV-2 muta de forma frecuente, unha media de dous cambios ao mes. Con eses cambios o que busca é perpetuarse na poboación porque necesita "as nosas células para sobrevivir". Unhas mutacións non teñen transcendencia, é dicir non cambian o seu comportamento cando infecta ás persoas; e outras si.
Explícao en 'Mentres isto dure' a viróloga María Isabel Bandín Matos, profesora do Departamento de Microbiología e Parasitología na Facultade de Bioloxía da USC. Esas mutacións con transcendencia "supoñen que poidan infectarnos mellor".
E iso é o que ocorre coas variantes identificadas como a británica, brasileira ou surafricana: "todas se transmiten mellor que o virus orixinal. Isto non implica que agraven a enfermidade, pero si implican máis persoas infectadas e por tanto máis persoas que poidan acabar no hospital ou a UCI".
É por iso que Isabel Bandín fai unha importante apelación: "temos que seguir mantendo e con maior rixidez, as medidas que nos protexen. Isto é, distancia social, máscara... non podemos relaxarnos". A persistencia do coronavirus - á marxe de tratamentos farmacolóxicos - "depende moitísimo do noso comportamento".
Preguntámoslle tamén a esta investigadora pola efectividade e tempo de protección das vacinas tendo presentes esas frecuentes mutacións; así como pola importancia de secuenciar constantemente o coronavirus para detectar mutacións con efectos na enfermidade que provoca. As respostas, telas neste podcast de PontevedraViva Radio.