A pandemia non silenciará o 8M na comarca de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
O feminismo non renuncia a abandonar as rúas este 8M, Día Internacional da Muller. Non haberá manifestacións masivas, pero a pesar das restricións pola covid-19, optaron por non quedar caladas. Farano con actos máis pequenos a nivel local e comarcal.
Desde a plataforma Galegas 8M consideran que a mobilización debe ser "prioritaria" para afrontar a actual realidade social e avanzar no desafío de acabar coas desigualdades.
Será baixo o lema "Sen coidados non hai vida". Haberá unha decena de manifestacións en toda Galicia, pero no caso de Pontevedra a plataforma optou por centrar a súa actividade en rúa cunha marcha que se celebrará en Vilaboa.
Haberá unha saída en bicicleta previa, ás 16:00 horas, desde a residencia de maiores, pero a marcha arrancará unha hora despois, ás cinco da tarde, desde o CPI do Toural para chegar a pé, sobre as sete da tarde, ata Riomaior onde se lerá o manifesto da xornada.
As participantes nesta marcha, apuntan desde Galegas 8M, deberán usar máscara en todo momento, manter a distancia interpersoal, limparse as mans con xel hidroalcohólico de maneira frecuente e vestir un chaleco reflector que estea homologado.
Ademais, tamén se organizaron concentracións de pequeno formato en Ponte Caldelas (18:00 horas, na Alameda e a Praza da Fonte) e en Vilagarcía (20:00 horas, Praza de Galicia).
CONCENTRACIÓN DA CIG EN PONTEVEDRA
No caso da cidade de Pontevedra, será o sindicato CIG o que saia á rúa este 8M. Será a través de dúas marchas que partirán ás 11:15 horas e que, tras percorrer diferentes espazos urbanos, uniranse ás 12:00 horas na Praza da Ferrería.
Unha delas sairá da Praza do Hospital e pasará por Benito Corbal, Sagasta e Peregrina; mentres que a segunda partirá do peirao de As Corbaceiras para chegar ata A Ferrería por San Roque, Alameda e Michelena.
CIG tamén organizou concentracións no Grove (12:30 horas, Praza do Corgo) e Cambados (12:30 horas, Praza do Concello) e unha manifestación con formato similar á de Pontevedra en Vilagarcía, que arrancará ás doce e confluirá ás 12:30 na Praza de Galicia.
Desde o sindicato aclaran que todas as mobilizacións foron comunicadas previamente e non houbo ningunha restrición por parte das autoridades.
FOLGA FEMINISTA
Ademais das concentracións e actos simbólicos que se desenvolverán ao longo da xornada do 8M, este ano tamén se volveu a convocar unha folga de mulleres, apoiada polos sindicatos CIG e CUT, que darán cobertura laboral ás traballadoras que queiran secundala.
Esta será unha folga non só laboral ou estudantil, senón que os colectivos feministas fan un chamamento a que tamén sexa un paro no consumo e nos coidados, para visibilizar a desigualdade das mulleres no ámbito familiar.
Relacionadas:
-
8M | Colexios da comarca conmemoran o Día Internacional da Muller
Por Redacción |
-
8M | O feminismo está "farto" e non hai pandemia que o pare
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
8M | A Xunta defende en Pontevedra o seu compromiso "irrenunciable" coa igualdade
Por Redacción |
-
Os espazos urbanos de Marín xa conmemoran o 8M
Por Redacción |
-
As 'mulleres da vila' xa presumen da súa participación na campaña do 8M
Por Redacción |
-
Iria Vázquez e Luz Darriba estrean os Faladoiros Literarios Feministas de Pontevedra
Por Redacción |
-
Indignación en Cuntis tras aparecer os manuais de igualdade tirados e con mensaxes de odio
Por Alejandro Espiño |