Os espazos urbanos de Marín xa conmemoran o 8M
Por Redacción
A falta da manifestación na rúa, que este ano Marín non celebrará pola pandemia da covid-19, os colectivos feministas do municipio organizaron unha actividade simbólica para que o espírito feminista estea presente nesta data tan sinalada.
Así, o Espazo Feminista Marín e o Colectivo Zeivas instalaron mensaxes e símbolos feministas en lugares emblemáticos da vila como a Praza 8 de Marzo, a Praza de Carmen Pesqueira 'A Capirota' ou o palco da música na Alameda Rosalía de Castro.
Todos eles locen desde este domingo pancartas, carteis e mandís con lemas apelando á unidade e á loita feminista neste 8M, Día Internacional da Muller.
Nun manifesto conxunto, as dúas organizacións feministas de Marín advirten do incremento das desigualdades de xénero a raíz da crise sanitaria motivada pola pandemia.
Instan ás administracións a actuar ante situacións como a violencia machista e a indefensión das vítimas nos fogares, así como a potenciar o reparto equitativo da carga de coidados e de tarefas domésticas entre mulleres e homes a través de políticas reais de igualdade, ademais de lexislar a prol da conciliación da vida persoal, familiar e laboral.
De cara a este 8M, fan un chamamento á veciñanza para que visite os puntos onde se visibiliza a presenza do movemento feminista e para que se sume á celebración da xornada pendurando mandís ou panos lilas nas fiestras e nos balcóns.
Relacionadas:
-
8M | Colexios da comarca conmemoran o Día Internacional da Muller
Por Redacción |
-
8M | A Lama avoga polo empoderamento da muller e a súa participación activa na sociedade
Por Redacción |
-
A pandemia non silenciará o 8M na comarca de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
As traballadoras do sector da alimentación, protagonistas do 8M en Marín
Por Redacción |
-
"Os coidados en tempos de covid", dende unha perspectiva feminista
Por Redacción |
-
Marín prepara a declaración do 8M como homenaxe ás mulleres en primeira liña da pandemia
Por Redacción |