Non quere poñerse a máscara e acaba detido por insultar e arremeter contra a policía
Por Redacción
A Policía Local de Pontevedra detivo este sábado un mozo que estaba na Praza da Verdura sen máscara. Pero o seu arresto, segundo explicaron as autoridades, non foi debido a iso. Ao parecer, tras ser advertido polos axentes comezou a insultalos e tentou agredilos.
A escena, que foi captada en varios vídeos que circularon nas últimas horas polas redes sociais, produciuse pouco antes das seis da tarde cando os locais de hostalería da praza xa estaban pechados e tiñan as terrazas recollidas.
Desde a Policía Local e desde a Policía Nacional, ambos consultados por PontevedraViva xa que foi un operativo conxunto, coinciden en que os axentes, que se achegaron á zona para comprobar que se cumprían as restricións pola covid-19, viron que o mozo non levaba máscara.
Tras advertirlle que debía poñerlla ben, este negouse. Ante a súa actitude, os policías pedíronlle que se identificase para proceder á súa denuncia por non facer uso deste elemento obrigatorio en época de pandemia. Pero, de novo, non quixo obedecelos.
Nese momento, moi alterado segundo a versión policial, comezou a insultar aos policías e tratou de agredilos, polo que foi reducido e conducido á comisaría, acusado dun delito de resistencia á autoridade.
Os seus amigos, segundo se pode comprobar nos vídeos, trataron de defendelo e criticaron a actuación policial, incluso tachándoa de comportamento racista. Foron os axentes da Policía Nacional os que tiveron que calmalos.
Este incidente, aclaran desde as forzas policiais, non ten nada que ver coa actividade hostaleira da praza que, segundo trasladan, esta fin de semana foi exquisita e non se rexistraron incumprimentos de ningún tipo.
Relacionadas:
-
Diminúen as denuncias relacionadas co incumprimento das normas
Por Isabel Feijóo Gallardo |
-
Disolven unha festa con oito persoas e unha delas acaba detida por agredir un policía e un sanitario
Por Alejandro Espiño |
-
Desaloxan a Praza da Verdura durante a tarde deste sábado por incumprimento das medidas sanitarias
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |