Indignación en Cuntis tras aparecer os manuais de igualdade tirados e con mensaxes de odio
Por Alejandro Espiño
Rexeitamento unánime de toda a corporación de Cuntis a uns feitos que indignaron a todo o municipio en vésperas do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Os manuais de boas prácticas de igualdade, que estaban na casa do concello, apareceron tirados na rúa.
Moitos deles, ademais, estaban pintarraxeados con mensaxes de odio ou expresións despectivas como "para isto hai cartos".
O Concello editara estes libros coa idea de fomentar a igualdade entre os habitantes do municipio, converténdose nun manual de referencia. Esta publicación foi posible grazas a unha subvención do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, xunto coa Deputación de Pontevedra.
Estes feitos, que xa investigan as autoridades, foron condenados de maneira "enérxica" polos tres grupos políticos da corporación, PSOE, PP e Veciñanza, que aseguran que esta conduta "non ten cabida" na sociedade actual.
"Non nos podemos permitir dar un paso atrás e permitir que este tipo de accións pasen desapercibidas", sinalan desde o Concello de Cuntis.
Os autores desta desfeita, defenden os partidos, "deben ser castigados e condenados por todos" para que estes comportamentos "non se volvan a repetir".
De feito, estes feitos demostran que é "moi necesario", segundo o executivo municipal, seguir investindo en educación para erradicar condutas "misóxinas e despreciables".