O PSOE de Marín rexeita o skatepark do Lameira e pide deixar de construír na ribeira do río
Por Redacción
O anuncio do proxecto dun macroparque infantil que inclúe unha pista de skate e BMX na contorna do río Lameira provocou o rexeitamento da oposición.
O portavoz do PSOE de Marín, Manuel Pazos, alega que a ribeira deste río que transcorre polo centro urbano da vila "é amplamente utilizado pola cidadanía para achegarse un pouco á natureza".
Neste sentido, o socialista sinala que "a pradería que está pegada ao río xoga un papel fundamental nesa posta en valor do río porque achega espazo, amplitude e axuda a naturalizar a contorna do río".
Por iso, desde o grupo municipal do PSOE opóñense a "seguir construíndo novos elementos e infraestruturas á beira do río, a invadir os poucos espazos verdes que aínda temos. Esta proposta é disparatada e absurda pola localización escollida".
Cualifica Pazos de "ocorrencia" este proxecto por plantexar eliminar unha zona verde para construír un parque cando xa existe un. Tampouco comparten a necesidade dunha "pista de patinaxe" cando existe no lugar unha cancha de fútbol sala abandonada.
"Pedimos á señora Ramallo e á señora Sanmartín que se deixen de ocorrencias porque o que necesitamos é liberar o río Lameira de edificacións ilegais e de muros, e non que agora sexa o Concello quen se poña a construír nas súas marxes", remata.