Poio traballa para ampliar a actuación do programa 'Axente Titor' a outros eidos
Por Redacción
A concelleira de Seguridade Cidadá, a nacionalista Marga Caldas, deu a coñecer a intención de adherir o Programa Axente Titor, coordinado pola Policía Local, á Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).
Esta entidade conta cun protocolo específico para este tipo de programas, que se centran na protección ao menor e na mellora de cuestións como a convivencia na contorna escolar ou na prevención de condutas antisociais que poidan perturbar o normal funcionamento da comunidade educativa.
Son varias as vantaxes que presenta a adhesión ao Programa Marco do Axente Titor da FEMP. Tal e como explica a concelleira do BNG, "o feito de integrarse nesta entidade non só axudaría a dar un maior impulso a unha iniciativa pola que vimos apostando desde hai practicamente un lustro, senón porque tamén teriamos a posibilidade de optar a achegas que nos permitirían ampliar o seu campo de actuacións a novos eidos".
Para poder formalizada, a proposta de adhesión deberá ser previamente aprobada polo pleno da corporación.
No ano 2017, o Concello de Poio convertiuse nun dos primeiros municipios de menos de 20.000 habitantes de España en contar con este servizo especializado na promoción do respecto aos dereitos da infancia que ofrece a Policía Local, coordinándose con as áreas de Seguridade Cidadá, Servizos Sociais e Educación.
"Daquela, en Galicia moi poucos concellos o tiñan, á marxe de grandes urbes como A Coruña", lembra Marga Caldas. O seu ámbito de actuación concéntrase no da protección ao menor e a prevención na contorna escolar. Os axentes que levan a cabo estas tarefas contan con formación específica.
Desde a súa posta en marcha, o corpo de seguridade realizou preto dun cento intervencións e actuacións. Os axentes titores teñen potestade para actuar no ámbito escolar para a resolución de posibles conflitos que poidan producirse nos recintos educativos.
Actuar en casos de absentismo escolar , a detección de menores en idade escolar que non están escolarizados, intervencións puntuais a petición dos propios centros educativos para esclarecer feitos delitivos ou a vixía posibles condutas de risco son algunhas das tarefas que se realizan a través deste programa.
Ademais, o Axente Titor actúa na vía pública. "En todo momento se busca achegar solucións axeitadas para a mellora da convivencia entre a veciñanza e pensamos que este obxectivo pode completarse de xeito máis efectivo coa adhesión ao programa da FEMP", asevera Marga Caldas, que lembra a necesidade tamén de actuar noutros eidos como o control das novas tecnoloxías ou a preservación do medio ambiente.
Neste sentido, a concelleira de Seguridade Cidadá entende que "no contexto que nos atopamos actualmente, marcado polo impacto que tivo a pandemia desde o seu inicio hai case un ano, é máis necesario ca nunca continuar promovendo programas deste tipo".
Relacionadas:
-
Un menor causa danos no mobiliario urbano en Lourido
Por Redacción |
-
A Policía Local de Poio velará pola seguridade durante as saídas dos menores á rúa
Por Redacción |
-
Poio é o único Concello da provincia con axente titor da Policía Local para atender conflitos de menores
Por Redacción |
-
Pillan 'in fraganti' dous menores enchendo de pintadas un parque de Poio
Por Redacción |
-
Saben os pais de Poio detectar o ciberacoso?
Por Diego Espiño |