Caldas presenta a campaña 'Mulleres da vila', un recoñecemento ás traballadoras á fronte de negocios
Por Redacción
A campaña municipal 'Mulleres da vila', realizada con motivo do Día Internacional da Muller o vindeiro 8 de marzo, presentouse este venres no salón de plenos de Caldas de Reis.
No acto de presentación participaron as 17 mulleres protagonistas das fotografías que estarán expostas nos escaparates dos seus comercios durante todo o mes de marzo. O audiovisual tamén será compartido nas redes sociais do Concello.
Esta campaña, que conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra a través do seu programa pola igualdade e contra a violencia de xénero, busca representar un colectivo moito máis amplo de mulleres que contribúe a facer de Caldas unha vila con máis servizos, máis amable e máis acolledora.
Foi deseñada e elaborada pola fotógrafa e artista multidisciplinar Patricia Maquieira, que contou coa colaboración de Lucía Lourido na realización do vídeo.
Durante o acto, o alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, recoñeceu o esforzo "na modernización da sociedade caldense e o seu labor por facer chegar ás xeracións máis maiores e tamén ás máis novas o papel das mulleres en todos os sectores, avanzando cara a unha sociedade moito máis igualitaria e enriquecendo co seu compromiso diario o tecido asociativo, veciñal e empresarial".
Pola súa banda, Inés Fuentes, concelleira de Igualdade, sinalou que con esta campaña queren facer un "recoñecemento ás mulleres que rexentan establecementos comerciais e hostaleiros neste ano tan difícil pola crise sanitaria, pero a homenaxe exténdese tamén a todas ás mulleres que están na primeira liña na loita contra o coronavirus".
O acto concluíu cunha fotografía de grupo baixo o balcón do Concello que xa loce unha alfombra de cor lila que conmemorará todo o mes de marzo a loita das mulleres pola igualdade.
Relacionadas:
-
O alumnado de Caldas aprende a combater o machismo nas redes co obradoiro "Youtube e xénero"
Por Redacción |
-
'Mulleres da vila', un recoñecemento ás traballadoras á fronte de negocios
Por María José Pita |
-
Caldas programa un mes de actividades ao redor do Día Internacional da Muller
Por Redacción |
-
A Deputación anuncia unha "extensa xeira de accións" que farán de marzo o mes da igualdade
Por María José Pita |