A taxa municipal de augas, novo escenario de enfrontamento entre o PP e o goberno local
Por Alejandro Espiño
6,9 millóns de euros en sete anos. ÿ o que, segundo o Partido Popular, estivo cobrando o Concello de Pontevedra por servizos que non presta. Refírese o seu voceiro, Jacobo Moreira, concretamente á taxa do auga. Denuncia que desde 2005, os pontevedreses pagamos 2,44 euros cada bimestre por depuración de augas residuales, unha competencia que, en virtude da Lei 8/2001 de calidade das augas, realiza a Xunta de Galicia.
Os populares aseguran que no ano 2004, o Concello de Pontevedra cobraba en cada factura do auga 1,94 euros como taxa de sumidoiros e 2,10 euros pola depuración. Un concepto este último que desde 2005, como reiteran, xa non lle correspondería ás arcas municipais. Pero Jacobo Moreira acusa ao goberno municipal de fusionar nun só pagamento ambas taxas. Desde fai sete anos, insiste, a taxa de sumidoiros pasou a 4,05 euros.
De aí, que segundo os cálculos do PP, o Concello ingrese nos últimos sete anos, eses case sete millóns de euros que non lle corresponden, "un dinero que habrá servido para sanear sus deudas".
Asegura Moreira que se o Concello de Pontevedra retirase esa taxa indebida, como así solicitarán mañá cunha moción no pleno da corporación municipal, "los ciudadanos no verían incrementado su recibo de agua" como consecuencia do canon que desde fai uns meses aplica a Xunta de Galicia. "Si el Concello no cobrase por un servicio que no presta, la factura no habría subido de la forma que lo ha hecho".
Unha taxa aprobada por unanimidade, segundo o Concello
Desde o goberno municipal, o concelleiro de Facenda, Raimundo González, sorprendeuse da posición que Jacobo Moreira, especialmente de que "despois de sete anos, se den conta agora" e recorda que dita ordenanza que agora denuncian os populares, foi aprobada por unanimidade da corporación, "incluído o Partido Popular".
Raimundo González afirmou que non existe ningunha duplicidade e acusou ao de PP de "querer agochar o incremento brutal" que tivo o canon da auga co goberno de Núñez Feijóo. Se os populares están preocupados polo incremento da factura da auga, que en Pontevedra emite Aquagest, segundo o edil nacionalista "hai unha solución moi fácil, que nos próximos orzamentos da Xunta se rebaixe ese canon".
Ademais, suxeriu á Xunta de Galicia que melloren as inspeccións "e cobren, entre outros a ENCE". Di Raimundo González que se a empresa pagase o que lle corresponde pagaría máis que o conxunto da cidadanía de Pontevedra. "Estase sableando aos cidadáns e estase perdoando a unha empresa contaminante. Esa é a crúa realidade do asunto e por tanto, se queren defender aos veciños de Pontevedra que miren iso", concluíu.