A pancarta reivindicativa do 8M abre os actos do "mes das mulleres" na Deputación
Por Redacción
O edificio da Deputación de Pontevedra na avenida de Montero Ríos loce desde este venres a pancarta co lema "Reivindicando a nosa axenda". Á noite, a fachada iluminarase de cor violeta.
Con esta acción, na que se reclama volver a poñer no centro as reivindicacións da Axenda Feminista, a Deputación arrinca unha extensa programación para este mes de marzo, ao que o organismo provincial refírese como "mes das mulleres".
A presidenta, Carmela Silva, participaba no acto desenvolvido na balconada do Pazo Provincial xunto ao vicepresidente César Mosquera, así como deputadas e deputados provinciais. Silva manifestaba que a Deputación ten o obxectivo irrenunciable de "reclamar as iniciativas lexislativas, de financiación e de posicionamento para recuperar a nosa axenda”".
RECUPERACIÓN DA AXENDA FEMINISTA
A presidenta da Deputación lembraba os puntos que conforman as reivindicacións da nomeada Axenda Feminista.
Os principios que recolle inclúen a loita contra as violencias machistas, a abolición da prostitución e a oposición aos ventres de alugueiro, así como a loita para que a corresponsabilidade nos coidados sexa unha realidade.
Esta axenda esténdese á erradicación da hipersexualización e cousificación do corpo das mulleres e das nenas, "que cada día está máis presente" apuntaba Carmela Silva, e a denuncia contra as precariedades laborais das mulleres, "porque hai que tomar medidas para poñer fin á brecha salarial".
A presidenta provincial engadía que desde a Deputación "demandamos a presenza igualitaria das mulleres, queremos o 50% do poder e que se visibilicen as súas achegas. É intolerable que haxa menos dun 8% de presencia feminina nos libros de texto. Queremos que a educación en igualdade sexa un eixo transversal en todos os contidos que reciben as nenas e nenos".
ACTOS CENTRAIS DO 8M
Coa descuberta da pancarta e co acendido á noite da iluminación de cor violeta nas sedes de Pontevedra e Vigo, a institución provincial entra de cheo na súa programación para este mes da muller, que terá os seus actos centrais o propio luns 8 de marzo
Tanto a presidenta provincial, as deputadas do goberno, como as mulleres dos seus equipos farán folga e asistirán aos actos de reivindicación que se desenvolverán en Pontevedra e Vigo, no que ambas sedes provinciais serán o escenario de dúas intervencións artísticas. En Pontevedra, Celeste Garrido escenificará a súa creación titulada "Un feminismo inquebrantable" no exterior do Pazo Provincial ás 11 horas; e en Vigo, Luz Darriba representará "Coidarmos" no edificio do Casco Vello vigués ás 18 horas.