Noites Abertas está de volta nun formato en liña pero preparado para volver ás rúas
Por Manu Otero
A edición número 22 de Noites Abertas xa está en marcha. O concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, presentou este venres o programa da edición máis "especial e diferente" deste programa de lecer xuvenil. Entre marzo e xuño realizaranse preto dun centenar de actividades de todo tipo que, pola actual situación sanitaria, están deseñadas para levarse a cabo de forma telemática.
Con todo, no Concello teñen a esperanza e a previsión de retomar a actividade nas rúas tan pronto como a situación epidemiolóxica o permita. Con este horizonte, os organizadores modificaron o sistema de acceso ás actividades, a forma de participar e o programa, que este ano se irá publicando semana a semana e poderá variar as datas para ampliar as posibilidades de que se realicen de forma presencial.
Escaneando o código QR presente no cartel de Noites Abertas, os interesados poden acceder á páxina web do programa. Alí atoparán o abanico de actividades programadas, ao facer clic sobre unha delas poderán ampliar a información, gardar a cita no calendario e inscribirse. Isto último é outra das novidades deste ano, pois todas as actividades requiren de inscrición previa, mentres que en anos anteriores a maioría eran de acceso libre ata completar aforo.
O calendario de actividades está fixado para todo o mes de marzo. Durante a Semana Santa haberá un parón e á volta publicarase a segunda quenda do programa. Esta variabilidade permite aos organizadores adaptarse ás cambiantes medidas sanitarias e, se a situación permíteo, organizar algunha destas citas de forma presencial.
Entre as 95 propostas seleccionadas, os participantes poden gozar de sesións de lettering, ioga, scape rooms virtuais ou escritura creativa.