A rexeneración produtiva da ría de Pontevedra, prioridade para o BNG no reparto de fondos europeos
Por Alejandro Espiño
Conseguir recuperar todas as rías galegas de maneira integral. Non só desde o punto de vista ambiental, senón con iniciativas que contribúan a xerar novos modelos produtivos. É o obxectivo do proxecto de rexeneración presentado polo BNG en Pontevedra.
Este proxecto, que recolle investimentos por 1.096 millóns de euros, está incluído no documento " Xerar Futuro, Galicia Next", que recolle as propostas do BNG para utilizar os fondos europeos de recuperación para sentar as bases do desenvolvemento futuro de Galicia.
Nun acto celebrado en Pontevedra, Ana Pontón debullou as medidas que os nacionalistas inclúen neste ambicioso programa para "recuperar un ecosistema único en Europa" e aproveitar todo o seu potencial económico.
Este debe ser, segundo a portavoz nacional do BNG, un "proxecto de país" que recolla actuacións en tres áreas: a rexeneración e recuperación ambiental das rías, a investigación científica e novas vías de comercialización e transformación.
Dentro do primeiro apartado, Pontón incluíu a recuperación dos 600.000 metros cadrados que ocupa Ence, a dragaxe do Lérez ata a illa de Tambo, a rexeneración da Xunqueira de Alba, a descontaminación dos terreos de Elnosa ou un mellor saneamento.
A este respecto, o BNG aposta pola recuperación integral de todo o litoral para acabar coas perdas do sector marisqueiro ou completar e modernizar a rede de saneamento, de forma que todos os municipios costeiros teñan unha depuración integral das súas augas residuais.
Ademais, dentro dos 950 millóns de investimento neste apartado, os nacionalistas inclúen recuperar espazos danados por obras públicas, a rexeneración do fondo das rías con actuacións de dragaxes e aumentar o control sobre a auga dos ríos.
Crear un consorcio que coordine todos os centros de investigación relacionados co mar é a principal proposta en materia de investigación científica, á que propoñen destinar 60 millóns para converter a Galicia na referencia europea neste ámbito.
Para estes fondos europeos, consideran que se deben impulsar proxectos para a recuperación das zonas improductivas ou de baixo rendemento, crear un banco de semente autóctona para moluscos e bivalvos ou deseñar plans de explotación para novas especies.
Dentro do ámbito da transformación e comercialización dos produtos extraídos das rías, o BNG propón destinar 29 millóns para unha sociedade público-privada que promocione o produto galego a partir dunha marca propia para as rías ou faga controis de mercado para diferenciar o produto autóctono do que teña procedencia foránea.
OS PROXECTOS DA XUNTA SON "EXPEDIENTES X"
Tras presentar estas propostas, Ana Pontón lamentou que os proxectos da Xunta para estes fondos europeos son "expedientes X" e censurou que os "escondan" á oposición. "Non é unha boa sinal", sinalou, porque Galicia "non pode perder este tren".
Pontón engadiu que "hai que evitar" que este diñeiro previsto para Galicia, uns 14.380 millóns, sexan para "salvar un puñado de multinacionais", repetindo os erros da crise de 2009 na que a prioridade foi rescatar á banca.
Os fondos de recuperación deben chegar, salientou a líder do BNG, ás pequenas e medianas empresas de Galicia que "son as que o están a pasar mal" e que teñen unha ampla marxe para "adquirir máis potencial" e ser decisivas no crecemento económico do país.