Un xulgado de Pontevedra ve "irrelevante" analizar o cabelo para detectar droga en condutores
Por Alejandro Espiño
A análise do pelo é irrelevante á hora de controlar o consumo de drogas nos condutores. Hai que fiarse das probas de saliva e, sobre todo, da análise de sangue. Así o determina o xulgado do contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra.
Este tribunal confirmou a multa de 1.000 euros e a perda de seis puntos do carné imposta a un condutor que, o 16 de decembro de 2018, foi interceptado por Tráfico cando circulaba baixo os efectos das drogas pola autoestrada AP-9.
O maxistrado rexeita o recurso presentado polo condutor, que alegaba que non consumira drogas. Para iso, achegou unha proba de análise de pelo realizada na Universidade de Santiago que dera negativo en consumo de drogas no últimos cinco meses.
A sentenza, pioneira en tratar en profundidade a proba de cabelo á hora de determinar o consumo de drogas en condutores, rexeita a fiabilidade destas análises.
Baseándose nas declaracións de tres especialistas, conclúe que a proba do pelo é "irrelevante" neste tipo de casos porque serve para comprobar se unha persoa é consumidora habitual de drogas, "pero non permite constatar un consumo puntual, nun día illado e determinado, se o suxeito non é toxicómano".
Neste caso, o condutor deu un resultado positivo en cannabis coa proba do drogotest que utilizaron os axentes no momento da detención do vehículo e, segundo considera acreditado o xuíz, rexeitou realizarse unha contraanálise de sangue.
Unha segunda mostra de saliva foi enviada a un laboratorio contratado polo Ministerio do Interior e lanzou un resultado positivo en cannabis e cocaína.
O xuíz dá resposta nesta resolución ás dúbidas sobre a legalidade do sistema co que funciona a Xefatura de Tráfico para analizar as mostras de saliva dos condutores en controis rutineiros sobre condución con presenza de drogas no organismo.
O maxistrado recomenda na resolución á Dirección Xeral de Tráfico que remita ao laboratorio dúas mostras de saliva, en lugar dunha.
Desta forma, asegura que se melloraría o sistema, xa que os condutores poderían solicitar unha segunda análise de contraste ao laboratorio -que garda as mostras un ano- e, por tanto, terían máis garantías. Esa segunda proba debería pagala o interesado.
Ademais, no seu fallo o xuíz destaca que se trata da "principal proba de cargo" contra os infractores, pois o resultado da análise de saliva comunícase "cando xa non é posible acudir á proba de contraste da análise de sangue".