'Mulleres da vila', un recoñecemento ás traballadoras á fronte de negocios
Por María José Pita
A concellería de Promoción Económica e Igualdade pon en marcha unha campaña ao redor da celebración do Día Internacional da Muller o vindeiro 8 de marzo, coa que quere poñer en valor o traballo das mulleres que están á fronte de negocios comerciais na cidade de Pontevedra.
'Mulleres da vila' desenvolverase durante o mes de marzo a través da visibilización nos escaparates dos 16 establecementos comerciais participantes das fotografías das mulleres que os rexentan e a publicación o 8 de marzo dun vídeo nas canles do Concello de Pontevedra, tanto na web oficial www.pontevedra.gal como en Youtube, onde xa se pode ver un adianto desta peza.
"Estamos falando de negocios que levan toda a vida ou case na cidade, que teñen pasado un ano complicado como todos os negocios da cidade, pero que están aí resistindo, traballando duro, compaxinando como todas as mulleres que temos que compaxinar traballo fóra e dentro da casa, coidado de menores e de maiores. E se hai un ano para homenaxear a mulleres que rexentan negocios na cidade, é este", remarcaba a concelleira de Promoción Económica e Igualdade, Yoya Blanco, á vez que facía un chamamento á corresponsabilidade nas tarefas da casa e os coidados, onde segue a detectarse unha presión engadida sobre as mulleres.
Destacaba Blanco que a pandemia está a poñer a proba a estes negocios, polo que o labor das mulleres que están á fronte dos mesmos necesita ser recoñecida. Esta campaña é unha homenaxe pero tamén un impulso para incentivar as visitas aos establecementos da cidade.
O traballo fotográfico e audiovisual foi elaborado pola artista Patricia Maquieira, quen explicaba que tentou con esta obra captar non só á muller como traballadora senón a súa esencia, e reflectir, especialmente no vídeo, "as súas fortalezas e debilidades, ese esforzo e adicación á súa tenda".
Tal e como explicou Patricia Maquieira, aínda que houbo máis de 40 empresas que se inscribiron no proxecto, "tívose que realizar un proceso de selección que nos deixou 16 firmas participantes como representantes de todas as demais".
En concreto, protagonizarán a mostra fotográfica Ecocabana (Laura López), Jomafer (Elena e Antonina López), Mercería Pilar (Pilar Bouza), Pontetelas (Nélida Viaño), Confitería Solla (Mayka Solla), Floristería Jardín (Ángela Casares), Manualidades Arte (Mar Golpe), Loli Baquero (Mari Pazos), Peluquería Danae (Merchi Martínez e Mari Carmen Vidal), Anabeti (Conchi, Ana, e Beti Puga), Copistería Calco (Belén Nieto), M&C Moda e Complementos (Mercedes e Mari Tobío), PC Box (Judit Meriño), Ma Petite (Marieli Touza), Librería Seijas (Luz Gallego) e A Balea das Cores (Almudena López e Vanesa Osorio).
Relacionadas:
-
As 'mulleres da vila' xa presumen da súa participación na campaña do 8M
Por Redacción |
-
Caldas presenta a campaña 'Mulleres da vila', un recoñecemento ás traballadoras á fronte de negocios
Por Redacción |
-
"Feminismo para cambiar o mundo", o lema que acolle todos os actos previstos para o vindeiro 8 de marzo
Por Andrea Sánchez Barreno |
-
A pandemia centra e condiciona a celebración do Día da Muller e a Nena na Ciencia
Por Manu Otero |
-
Pontevedra presume das súas "heroínas" deportivas nun documental
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A exposición 'Namórate de tí' xa se exhibe nos escaparates do comercio local
Por Redacción |