Idean unha escultura en homenaxe ao traballo realizado polas mulleres en Cerponzóns
A Asociación Veciñal O Chedeiro de Cerponzóns leva a cabo a elaboración dunha escultura en homenaxe ao traballo de todas as mulleres. A idea xurdiu a raíz dunha suxerencia por parte da directiva da asociación. Jose Manuel García e Juan José Esperón, o vogal e o secretario da asociación, foron os primeiros en considerar a idea: "un dia empezamos a comentar o traballo das mulleres, as nosas avoas e nosas nais, de como viñan a traballar a Pontevedra dende algunhas aldeas", explica Juan José Esperón.
Tratase polo tanto dunha homenaxe a todas as mulleres que traballan e cuxo labor era imprescindible hai anos. Eran as mulleres as que por aquel entón se encargaban de traer o leite, as sementes ou mesmo a leña. O secretario afirma recordar que "eran elas quen se ocupaban de traer todas esas mercadorías, e viñan con elas cargadas na cabeza".
Non só rende homenaxe a esas mulleres, senón que tamén a todas as que tiñan unha gran carga de traballo dentro da casa. Fai referencia a todas aquelas nais ou amas de casa, que tiñan maridos que emigraron e que quedaron a cargo da familia e dos quefaceres do campo. "E non só seguiron adiante, senón que nos seus momentos libres aínda tiñan ocupacións para facer pola parroquia e para o beneficio de todos", explica Juan José Esperón.
Ademais, o secretario da asociación quere remarcar que a obra tamén vai dirixida ás mulleres na actualidade, como todas as que están rexentando diversas agrupacións, incluída a propia asociación de veciños O Chedeiro. Menciona, por exemplo, ás encargadas da elaboración das alfombras para o corpus, quen "levan case 37 anos no oficio, do cal unha gran maioría son mulleres, que traballan durante meses para telas listas todos os anos".
Tamén fai alusión ao grupo do coro parroquial, que durante case 26 anos tamén a gran maioría dos seus membros son mulleres; así como a asociación cultural Chan do Monte, na que actualmente a directiva está composta únicamente por mulleres. Son as que se encargan de programar diversas actividades como os magostos e entroidos, excursións, festas para os nenos, entre outros eventos. "Sen elas e sen o seu traballo, non sería o que é nin nunha cuarta parte", declara Esperón.
A pesar de que estaba pensado levar a cabo esta obra o ano pasado e con motivo do 40 aniversario da asociación, Juan José Esperón explica que non se puido salir adiante debido á situación da pandemia naquel momento, que provocou que se suspendera o evento.
A creación da asociación ten data no ano 1980, e tal e como explica o secretario, non foi ata o ano 1994 que entrou unha muller na directiva: "ata ese momento a muller estivo nun segundo plano, e no ano 1997 tomouse unha decisión por parte de varios socios da asociación, que foi o que levou á creación da asociación cultural Chan do Monte, na que varias mulleres entran na directiva".
Nestes momentos, dende a asociación, prefiren esperar a que a situación sanitaria mellore para poder elaborar unha inauguración na que se poida reunir un número considerable de persoas. Esperón alega que tampouco teñen demasiada présa en acabar co proxecto xa que, de alongarse uns meses, esperan poder reunir un mínimo número de xente, sempre cumprindo coas medidas sanitarias vixentes no momento, que esperan sexan mellores. "É un pouco frío o ter que inaugurar unha obra así sen que poida asistir a xente", afirma o secretario.
Ademais, engade que é "un momento idóneo para facer un labor escultórica dando ese agradecemento e homenaxe a todas as mulleres, e para manifestar o noso recoñecemento a todas elas". A escultura está polo momento no proceso de bosquexo, rematando de idear o mesmo, e esperan que non se tarde moito en comezar co proceso de creación.