Meis estreará un novo remolque de emerxencias para a súa Protección Civil
Este mércores celebrouse na explanada de Campolongo a última entrega de lotes de equipamento de emerxencias na provincia de Pontevedra, neste caso coa entrega dun remolque totalmente equipado para a Protección Civil de Meis.
Complétase así a distribución dos lotes correspondentes coa orde do ano 2020 da Xunta de Galicia cun total de 19 para a provincia.
O acto contou coa presenza do delegado territorial, Luis López, e da alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, que recibiron explicacións técnicas sobre o funcionamento do remolque e de tódolos equipos complementarios incluídos para a atención cidadá e a xestión de operativos.
Así, o remolque complétase no seu interior con diverso material para o seu emprego pola entidade meisina e, entre o mesmo, figuran un xenerador, equipos de roza, serras, sinais para balizamento, mangueiras, unha bomba de auga e outros propios para as emerxencias.
O representante autonómico destacou o continuo e crecente ánimo de colaboración que teñen coas agrupacións de Protección Civil debido a que fan enorme traballo de carácter altruísta para toda a cidadanía.