Cinco novas caixas niño para aves no Green Campus de Pontevedra
Cinco novas caixas niño colgan dende este mércores das árbores do campus de Pontevedra, sumándose así as xa instaladas no pasado curso no marco da iniciativa desenvolta no proxecto Green Campus.
Estas caixas foron elaboradas no taller de madeira da Escola de Enxeñaría Forestal e colocadas en diferentes árbores do campus debido á estratéxica situación na que este se atopa, ao carón do río Lérez e da Xunqueira de Alba, lugares polos que transitan diferentes especies de aves que poderían usar estas caixas para aniñar, poñendo así de relevo no campus a importancia da conservación da biodiversidade.
Nesta actividade de colocación dos niños participaron o director do Green Campus e Campus Crea, Carlos Souto; o director da Encola de Enxeñería Forestal (EEF), Juan Picos; o técnico da EEF, Luis Torres e os estudantes Anxo Rodríguez e Martina Martínez, bolseiros da Oficina de Medio Ambiente (OMA) e do Green Campus respectivamente.
Segundo comentou Carlos Soutro no Diario da Universidade de Vigo (DUVI): "A idea é ir cada ano incrementando o número de caixas niño".
O GREEN CAMPUS
É un programa internacional da Fundación Europea de Educación Ambiental (FEE - Foundation for Environmental Education) que está orientado á realización de actividades de educación ambiental. A FEE recoñeceu o campus de Pontevedra coa bandeira verde de Green Campus, sendo así a Universidade de Vigo xunto coa de A Coruña as primeiras universidades a nivel estatal en recibir este selo.