Marín e Hoempo facilitarán á hostalería da vila a cartelería informativa sobre o plan de desescalada
Por Redacción
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, acompañada polas concelleiras Marián Sanmartín e Cristina Acuña, mantivo este martes unha reunión con representantes da asociación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (Hoempo) co obxectivo de mostrarlles o apoio do Concello e xerar sinerxias de para o presente e futuro da hostalería na vila.
"Queremos buscar liñas de colaboración e de cooperación para que o sector saia fortalecido e poida mellorar o seu futuro a curto e medio prazo", asegurou a rexedora despois do encontro con representantes dun colectivo que agrupa a profesionais de Pontevedra, Poio e Marín.
Ademais de ofrecerlles o seu apoio, Ramallo reiterou a necesidade de respectar a distancia de seguridade entre mesas, o uso da máscara en todo momento, a prohibición de fumar e de estar máis de catro persoas por mesa.
Para facilitar o cumprimento destas normas, Concello e Hoempo chegaron a un acordo de colaboración para elaborar estes carteis informativos para cada establecemento que recollan os seus datos de aforo máximo, aforo permitido, número de mesas autorizadas e os QR requiridos para consultar a carta de forma telemática.
Por outra banda, a mandataria popular adiantou que se fará unha nova remesa actualizada dos adhesivos que se repartiron o pasado verán, que servirán para identificar facilmente as mesas das terrazas que están autorizadas polo Concello.
Estas pegatians pasarán a ser de cor laranxa para poder diferenciarse claramente e serán repartidos por entre os hostaleiros, que recibirán tantos como mesas autorizadas teñan. Nos adhesivos seguirá estando dispoñible o QR que redirixirá a Marín en Rede, a plataforma na que os negocios adheridos teñen a súa propia ficha multimedia.
O encontro serviu tamén para repasar as axudas canalizadas desde o Concello e a Xunta. Lembrou Ramallo que os propietarios que estiveron pechados polas restricións poden solicitar a exención do canon da auga e do coeficiente de vertedura. En Marín está vixente a exención total do imposto de terrazas, que se aplicou durante todo o 2020 e seguirá aplicándose durante o 2021.
Por outra banda, lembrou aos hostaleiros que este mércores a Xunta convocou ao sector un webinar para explicarlle detalladamente os detalles do decreto no que se regulan as esixencias que deben cumprir os establecementos que retomen a súa actividade.
Relacionadas:
-
A alcaldesa de Marín reúnese cos hostaleiros para informar da nova instrución de terrazas
Por Redacción |
-
Aprobada a instrución previa á ordenanza das terrazas de Marín
Por Redacción |
-
Marín modificará a ordenanza de terrazas para axudar á hostalería
Por Redacción |
-
Marín reparte códigos QR entre a hostalería para controlar os aforos e o cumprimento das normas
Por Redacción |
-
Marín unirase ao segundo plan de axudas da Xunta para a hostalería
Por Redacción |