Os núcleos de Seixas e Vilar, en Vilaboa, contan cun novo pavimento
Por Redacción
Acceder ás vivendas situadas nos núcleos rurais de Seixas e Vilar, no concello de Vilaboa, é agora máis sinxelo. Os camiños da contorna locen un novo pavimento grazas a un investimento de preto de 130.000 euros chegados do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Renovouse o pavimento desta estrada que comunica estes dous núcleos así como unha serie de pistas locais que comunican con ela. Trátase dunha pista de dous quilómetros de lonxitude con moitos ramais -con anchos comprendidos entre os tres e os cinco metros- que dá servizo a un importante número de vivendas.
Ademais, tamén se levou a cabo a reparación puntual da drenaxe existente e incluíronse elementos de seguridade como redutores de velocidade.
Os deputados provinciais Santos Héctor e Ana Laura Iglesias visitaron as actuacións na compañía do alcalde de Vilaboa, César Poza, e a concelleira María Canosa.
Para Santos Héctor esta é "unha obra magnífica que mellora a calidade de vida dos veciños e veciñas da zona" pois débese ter en conta que "rehabilitouse por completo todo o pavimento na estrada local que comunica os núcleos de Seixas e Vilar e os seus camiños laterais".
O alcalde de Vilaboa, César Poza puxo en valor o Plan Concellos, que para este 2021 destinará ao seu municipio outros 513.177 euros.