Ultiman a adxudicación de 163 postos no mercadiño de Portonovo e cinco no de Vilalonga
Por Redacción
O goberno local de Sanxenxo dará luz verde esta semana á adxudicación definitiva de 163 postos no mercadillo de Portonovo e cinco no de Vilalonga para o desenvolvemento da actividade durante 2021.
O Concello rexistrou 25 novas solicitudes de vendedores interesados en colocar o seu posto en Baltar, a maioría dedicadas ao sector téxtil e calzado, 23, e dúas destinadas a alimentación. En canto ao resto de autorizacións, a maioría dedícanse ao téxtil (102), pero tamén hai solicitudes para calzado, bixutería e complementos, alimentación, froitas, hortalizas e flores ou plantas.
A actividade celébrase todos os martes e xoves pola mañá na chaira de Baltar.
Co obxectivo de reordenar a actividade e de prestar un mellor servizo, o concelleiro de Economía, Marcos Guisasola, encargou o repintado da numeración dos postos e habilitou un novo espazo destinado ás flores e plantas.
Esta actividade con cinco postos situarase a continuación da alimentación e non entre os postos de téxtil, calzado e bixutería como ata o de agora. Para iso asfaltouse o terreo que presentaba importantes irregularidades e delimitarase o espazo.
"Son postos que polas súas características necesitan moito espazo e a súa nova localización está mais acorde co tipo de produto que venden", explica Guisasola.
O repintado garantirá a distancia de seguridade esixida polas actuais medidas sanitarias e, ademais, cada posto deberá contar con xel hidroalcohólico e será obrigatorio o uso de máscara en todo momento tanto por vendedores como por compradores.
No mercadiño de Vilalonga, os cinco postos son unha prórroga de 2020, tres destínanse a téxtil, dous a froitas e hortalizas e un á venda de bacallau. Esta actividade celébrase todos os martes pola mañá na Praza Pública da parroquia.