Fin de semana de paseos, terrazas, praia, baños esporádicos e menos restricións
Por Cristina Saiz & Redacción
Esta primeira fin de semana despois do levantamento dalgunhas das restricións en Galicia foi de contrastes. O sábado ofrecía imaxes como o desaloxo da praza da Verdura de Pontevedra debido á aglomeración de persoas con algunhas delas consumindo bebidas fóra das mesas das terrazas, nalgúns casos sen máscara e fumando.
Esta situación provocou que a Policía Local se vira obrigada a baleirar este céntrico espazo do lecer pontevedrés. Durante este domingo, os hostaleiros volveron instalar as súas terrazas e o comportamento por parte dos asistentes foi moito máis ordenado atendendo ás normas sanitarias establecidas para evitar a expansión da pandemia.
Durante esta fin de semana acompañaba o bo tempo e numerosas persoas, aproveitando o levantamento dos límites perimetrais dos municipios achegábanse a pasear ás praias dos Concellos do litoral que se atopaban dentro da área sanitaria.
Algunhas destas persoas aproveitaban para darse o primeiro baño deste 2021 grazas ás temperaturas agradables destes días de finais de febreiro.
Axentes da Policía Local, do mesmo xeito que a Policía Nacional, a Garda Civil e a Policía Autonómica, mantiñan durante toda a fin de semana un control do cumprimento das medidas establecidas e que o conselleiro de Sanidade Julio Comesaña lembraba nas últimas horas ante a preocupación que se produciu na Xunta ao comprobar que nalgúns establecementos hostaleiros non se respectaban as restricións establecidas nesta desescalada.
Tamén se produciron outras imaxes denunciables. Veciños da contorna de Rosalía de Castro alertan da presenza de mozas na contorna do colexio Salvador Moreno realizando encontros entre máis de catro persoas non conviventes coa intención de facer botellóns a pesar de que estas situacións están prohibidas.
Relacionadas:
-
Disolven unha festa con oito persoas e unha delas acaba detida por agredir un policía e un sanitario
Por Alejandro Espiño |
-
Desaloxan a Praza da Verdura durante a tarde deste sábado por incumprimento das medidas sanitarias
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Un repunte nos casos en Ponte Caldelas e Soutomaior fai que ambos superen a 'liña vermella'
Por Redacción |
-
O inicio da desescalada chega acompañado dun tempo primaveral
Por Isabel Feijóo Gallardo |
-
As novas restricións en Pontevedra: que podo facer a partir deste venres?
Por Alejandro Espiño |
-
Reabre a hostalería e anulan os peches perimetrais en toda a área sanitaria de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |