O Pazo Provincial ilumínase de verde para conmemorar o Día Mundial das Enfermidades Raras
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra ilumina de verde o seu Pazo Provincial ata o vindeiro luns, ao abeiro da conmemoración do Día Mundial das Enfermidades Raras, que se celebra este domingo 28 de febreiro.
Deste xeito, a institución únese á demanda da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (Fegerec) para visibilizar e difundir as enfermidades minoritarias, apelar sobre a importancia do fomento da investigación neste ámbito, e concienciar á sociedade sobre estas doenzas que en Galicia afectan a unhas 200.000 persoas.
O Día Mundial das Enfermidades Raras celébrase o último día de febreiro dende o ano 2008 precisamente por ser febreiro un mes peculiar, que dependendo do ano pode ser bisesto ou non. En canto a cor, escolleuse a verde como representativa das enfermidades raras por simbolizar a esperanza.
A celebración desta data responde á necesidade de crear conciencia e axudar a todas as persoas que padecen enfermidades raras e ás súas familias, impulsando o seu estudo e investigación científica para atopar as causas que as determinan e mellorar a calidade de vida dos que as padecen.
As enfermidades raras afectan a unha pequena parte da poboación e teñen, en xeral, un compoñente xenético. Deste xeito, en Europa considérase enfermidade rara aquela que afecta a unha de cada 2.000 persoas e están incluídas neste ámbito unhas 6.000 doenzas minoritarias. En España padecen estas enfermidades aproximadamente tres millóns de persoas que afectan ata o 8% da poboación mundial, un total de 350 millóns de persoas afectadas.
ROSALÍA DE CASTRO
Curiosamente na fachada do Pazo Provincial coincide estes días a imaxe de Rosalía de Castro que estará presente ata o 3 de marzo. Esta mesma proxección tamén se pode ver en edificios sinalados de Bueu e Caldas de Reis, entre outros municipios.