176 exemplares de 115 especies distintas configuran a flora da Xunqueira de Alba
Por Redacción
Entre 2020 e 2021, a concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural de Pontevedra puxo en marcha traballos de sondaxe e catalogación no espazo natural de interese local (ENIL) da Xunqueira de Alba.
A bióloga Saleta González Pimentel realizaba este traballo que permitiu recoller 176 exemplares e 115 especies distintas pertencentes a 53 familas de flora. Desta maneira obsérvanse nesta zona privilexiada de Pontevedra 17 árbores, 14 especies de porte arbustivo, 4 trepadoras e 80 herbáceas.
Iván Puentes, concelleira de Desenvolvemento Sostible, indica que o conxunto de hábitats naturais de diferentes ambientes permite esta biodiversidade. Agora todo ese traballo será recollido nun Inventario cun traballo de identificación, herborización e catalogación.
Segundo Iván Puentes, a ENIL da Xunqueira ofrece unha boa saúde en canto á presenza de especies representativas dos hábitats naturais de interese comunitario. Entre a flora destacada aparecen exemplares como a herba lameiriña e as pallas reais nas zonas da Charca do Burgo ou na Charca da Xunqueira.
Tamén se observan "herbas de namorar" (armeria marítima), margaridas típicas de beira nos espazos de Pasteiros Salinos Atlánticos na zona de xunqueira. Tamén é posible atopar plantago marítima, "herba das andoriñas" ou perexil de mar.
Non faltan outras especies como salgueiros, chopos ou freixas. Entre a flora exótica catalogada destacan o nerium oleander, o myoporum laetum e a verbena bonariensis, así como algunhas exóticas invasoras. Ademais, Iván Puentes destaca a presenza de dúas especies de orquídeas e doutras con usos alimenticios como a chicoria.
O concelleiro sinala que todas as especies herborizadas, identificadas e catalogadas atópanse depositadas no Herbario LOU do Centro de Investigacións Forestais (CIF) de Lourizán. O Centro conta cun sistema de almacenamento con humidade e temperatura controlada e unha base de datos, ademais dun servizo de consulta para o persoal investigador.