Caldas adiántase á celebración do Día Mundial Forestal cunha plantación de 60 cerdeiras
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis plantaba este venres, con motivo da próxima celebración do Día Forestal Mundial, 60 cerdeiras nuns terreos da Comunidade de Montes de Saiar, no lugar de Igrexa. Previa a esta plantación, limpouse a zona de eucaliptos para deixar espazo a estas novas árbores.
Trátase da 17 edición desta conmemoración do día adicado ás árbores en Caldas, que organiza o Departamento de Medio Ambiente e que permitiu ata agora plantar máis de 5.000 árbores de especies autóctonas como carballos, castiñeiros, bidueiros, nogueiras ou cerdeiras, entre outras.
O alcalde Juan Manuel Rey e outros membros do equipo de goberno participaron nesta actividade. Nesta ocasión non foi posible a participación dos centros escolares de Caldas, como era a tradición todos estes anos, por causa da situación da pandemia. No seu lugar participou persoal da Consellería do Medio Rural e voluntarios da Asociación Asoprovida que xa colaborara nas anteriores edicións.
Malia que o Día Forestal Mundial está fixado para o vindeiro 21 de marzo, as datas para realizar esta acción tiveron que anticiparse pola necesidade de plantar as cerdeiras nesta época máis axeitada.
Juan Manuel Rey destacaba o seu compromiso como alcalde con esta conmemoración e valorou moi positivamente a colaboración dos centros escolares nos anos anteriores, así como do seu profesorado, coa recuperación medioambiental e forestal do municipio. Tamén agradeceu á Consellería do Medio Rural, á Comunidade de Montes e ao voluntariado a súa colaboración.
O concelleiro de Medio Rural e da parroquia de Saiar, Juan Carlos Ortigueira, agradeceu que esta plantación tivese lugar nesta parroquia e confiou en seguir coa plantación de moitas máis especies autóctonas en Caldas que substitúan progresivamente aos eucaliptos.
Relacionadas:
-
Un proxecto piloto busca impulsar en Caldas de Reis o cultivo de oliveiras para a produción de aceite
Por Redacción |
-
250 escolares celebran o Día mundial dos Bosques plantando árbores no Monte dos Godos
Por Redacción |
-
Caldas impulsa un parque forestal de 40 hectáreas nos montes de Santa María
Por Redacción |