A retirada do vello céspede marca o inicio da renovación do campo de fútbol de Portas
Por Redacción
As obras de renovación do céspede artificial no campo de fútbol de Portas están xa en marcha.
Os traballos iniciáronse coa retirada do vello tapete, unha vez esgotada por completo toda a súa vida útil.
"Co inicio desta obra dáse cumprimento a un dos compromisos que asumimos cos veciños e veciñas deste concello e tamén coa directiva do equipo de fútbol que viñan demandando unha actuación neste sentido debido ao grao de deterioración que presentaba o céspede polo esgotamento do seu ciclo vital pola intensa práctica deportiva que tivo que soportar ao longo destes anos", sinalou respecto diso o alcalde de Portas, Ricardo Martínez, nunha visita ao campo municipal.
A obra, pola que será instalado unha nova superficie de herba artificial de última xeración, finánciase con cargo ao Plan Concellos da Deputación sendo licitada cun orzamento de partida 170.146,82 euros e adxudicada cun aforro de 13.526,67 euros á empresa Obras e Pavimentos Especiais, S.A.
Os técnicos esperan que o novo céspede, con selo de calidade FIFA e da Federación Internacional de Hóckey, terá unha maior vida útil ao estar fabricado cos criterios da terceira xeración desta superficie sintética.
As obras consistirán no tratamento previo do terreo e a colocación dos 6.968 metros cadrados (104x67 metros) da nova alfombra, cunha aplicación de area de sílice e, finalmente, cunha repartición de caucho no céspede.