A praia de Baltar estreará no verán un parque acuático flotante e campos de voleibol e fútbol praia
Por Redacción
As praias de Sanxenxo xa empezan a pensar no próximo verán. En realidade, é o Goberno local o que xa pensa na época estival e anunciou que a praia de Baltar, a de maior capacidade en Portonovo, vai incorporar novidades relevantes este ano.
Ademais de quiosco, a terraza tumbonas, vai licitar a instalación dun parque acuático flotante de 2.000 metros cadrados na marxe dereita da praia.
Segundo a información facilitada polo Concello, trátase dunha instalación ampla, a base de inchables con tobogáns, pontes, ramplas, camas elásticas, rocódromos, etc.
O resultado será un espazo de recreo que poderá gozar toda a familia, a partir dos 5 anos, e que confían en que se converta nun revulsivo para a praia de Portonovo e a actividade hostaleira da súa contorna. Tamén está prevista a instalación dun campo de voleibol e outro de fútbol praia.
Sanxenxo chegou a ter 17 praias con bandeira azul grazas a que nunca se conformou e cada ano tenta, na medida das súas posibilidades, mellorar os equipamentos e os servizos que ofrecen os seus areais. Este 2021 non será menos e darán un impulso ás praias, dotándoas dunha imaxe e un estilo propio e incorporando, segundo as características de cada areal, novos equipamentos e instalacións.
Nas próximas semanas van licitar os quioscos, tumbonas e outros servizos de 11 praias: Areas, Silgar, Baltar, Canelas, Paxariñas, Montalvo, Pragueira, Major, Foxos, A Lapa e A Lanzada.
Nesta ocasión vai esixir aos concesionarios que as instalacións teñan un deseño e uns materiais de maior calidade dos que viña sendo habitual, así como a obrigación de unificar a estética das antucas e tumbonas, que serán de cor area.
O obxectivo é ofrecer unha imaxe renovada que identifique as praias de Sanxenxo por un estilo común. Outra novidade é que os quioscos terán un horario máis amplo ata as doce da noite, unha oportunidade para que os aspirantes melloren a calidade das súas ofertas.