Comezan os actos do 8M programados pola Deputación coa lectura dun manifesto
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra arrancou este venres a programación que desenvolverá ao abeiro do 8 de marzo, Día da Muller, que este ano está centrada en reivindicar a axenda feminista para que os seus principios volvan a estar no centro do discurso público.
Así, co eixo de "Reivindicando desde a política", o pleno provincial participou do visionado do audiovisual sobre os coidados que pon o acento na "imprescindible corresponsabilidade" nunha tarefa que "a propia pandemia situou no centro de todo".
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva destacou os "datos abraiantes" sobre os coidados. Segundo sinalou as mulleres realizan o 76% do traballo non remunerado no ámbito doméstico e público, o 89% das persoas coidadoras son mulleres, e son elas nun 95,2% as que se acollen á redución da xornada laboral para coidar a algún familiar, nenos e nenas, persoas dependentes ou persoas maiores.
Ademais, Carmela Silva subliñou, os datos indican que a situación se agravou coa pandemia.
O pleno tamén escoitou o manifesto da ilustradora e música Laura Romero, unha das deseñadoras das máscaras do programa "Violencia Zero" que hoxe se repartiron no pleno.
Laura Romero repasou as reivindicacións das mulleres, desde a loita contra a violencia machista, á abolición da prostitución, do negocio dos ventres de alugueiro, á esixencia da paridade real, da visibilización das mulleres, ou da igualdade salarial.
Como música, lembrou que o 70% das mulleres cobran menos da media dos homes, que os postos de mando seguen en mans masculinas ou que nos festivais non hai paridade nos escenarios.
A artista citou verbas de Xela Arias, a quen este ano se dedica o Día das Letras, cando dixo que "deixarei de ser feminista cando as mulleres discriminadas non o estean", e recordou que en 58 anos de historia só 5 mulleres foron homenaxeadas o 17 de maio.
A ilustradora tamén rematou o seu manifesto poñendo o foco nos coidados, "o feminismo – dixo - ten que ser cooperativo e sororo por definición e precisamos que os homes tamén tomen a iniciativa destes traballos e coidar a quen coida".
"Só así con coidados e educación desde a infancia, acadaremos un mundo máis xusto para todas e para todos", finalizou.