Lores pide á Xunta que busque alternativas para situar ENCE
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, referiuse este venres ás declaracións en sede parlamentaria do Secretario Xeral de de Calidade e Avaliación Ambiental, Justo de Benito, nas que insiste en que os escapes en Ence foron inocuos pero anima o rexedor nacionalista a actuar en consecuencia se non o cree.
Para o alcalde de Pontevedra existen "varias claves" para entender este problema sendo unha delas o "posicionamento da Xunta a favor do mantemento da empresa".
Fernández Lores reitera que ENCE e a Xunta deberían estar preocupados en buscar unha alternativa á súa actual ubicación.
O alcalde recordou que despois do ano 1988 se decidiu recuperar eses espazos de Lourizán e que, despois de 60 anos coa fábrica de celulosas na ría, tan só quedan cinco para o 2018 "e non fixeron absolutamente nada máis que xustificar a situación nun terreo que é noso, de todos os pontevedreses".
Apelou á "responsabilidade" da Xunta en materia de concesión de autorizacións ambientais ou de ordenación do territorio
Así, apelou á "responsabilidade" da Xunta en materia de concesión de autorizacións ambientais ou de ordenación do territorio que lle permiten definir a que o dedica, "e se o define como marítimo terrestre non hai Lei de Costas que lle poña pega ningunha".
Finalmente o rexedor recomenda ao Goberno galego que faga "polígonos industriais estratéxicos ordenando o territorio e dándolle un espazo de ubicación a empresas que non deben estar preto dous cidadáns porque teñen perigo nalgún momento", xa que sinalou a súa función é defender os intereses de Pontevedra.
"Iso é o que ten que facer a Xunta e non preguntarlle ao alcalde se ten datos que eu non me dedico a facer análise químicos", rematou Fernández Lores tras reiterar, respecto aos escapes de ENCE no mes de agosto, que o que " se esta claro é que houbo unha fuga de substancias" que produciu "molestias".