Centros de saúde de Pontevedra, Caldas e Vilanova terán novas áreas de fisioterapia
Por Redacción
Ao redor de 249.000 vai a investir o Servizo Galego de Saúde para habilitar novas áreas de fisioterapia no centro de saúde Virxe Peregrina de Pontevedra e noutros dous da área sanitaria, os de Vilanova de Arousa e Caldas de Reis.
No caso de Pontevedra, o investimento será de 188.000 euros para a reforma de espazos e o equipamento e o mobiliario específico para esta especialidade, entre elas, padiolas, bicicletas estáticas, cintas de marcha, cadeiras, pesas ou espaleiras.
Para o centro de saúde de Vilanova de Arousa destinaranse uns 32.000 euros na reforma dos espazos para unha nova área de fisioterapia que estará dotada de sala de rehabilitación, despacho, vestiario e aseos, máis en equipamento e mobiliario específicos.
Outros 29.000 euros serán para o punto de atención primaria habilitado no centro comarcal de A Tafona, en Caldas, no que se reformarán os actuais espazos de educación maternal e da consulta da matrona para incorporar unha nova área de fisioterapia, rehabilitación e traballo social.
DOUS ESTILIZADORES DE VAPOR PARA MONTECELO
De xeito complementario, o Sergas gastará outros 165.000 euros para a renovación de dous dos cinco equipos esterilizadores de vapor do hospital Montecelo, que prestan servizo aos bloques cirúrxicos de 11 quirófanos en Montecelo e cinco quirófanos do Hospital Provincial.
Estes dous novos esterilizadores de vapor serán trasladables e integrables na futura central de esterilización contemplada no proxecto arquitectónico do hospital Gran Montecelo, que unificará nun mesmo espazo toda esta aparataxe específica.