O PSOE pide no Parlamento a execución de dúas sendas peonís na PO-308 ao seu paso por Poio
Por Redacción
O grupo parlamentario do PSOE no Parlamento galego acaba de presentar por rexistro dous documentos no que, por unha banda, insta o executivo a levar a construír as dúas sendas peonís na PO-308 ao seu paso por Poio prometidas á cidadanía; e, por outro, pregunta ao goberno de Feijoo que plans adicionais ten para mellorar a seguridade viaria e a calidade de vida dos veciños que viven ao longo desta estrada.
Lembran os socialistas que a PO-308 é unha das estradas con maior índice de accidentes de Galicia e que é unha das vías que máis cantidade de tráfico soporta.
Mellorar a seguridade viaria é unha reivindicación cidadá histórica e para cumprila a Xunta comprometeuse a construír tres sendas peonís no termo municipal de Poio: entre Fontenla e Combarro, Combarro e Chancelas, así como unha máis entre Samieira e O Covelo, en Raxó.
O custo previsto do todo o proxecto ascendía a 6,5 millóns de euros con cargo a fondos europeos e deberían estar terminadas no 2020, sinalan os socialistas. Con todo, desde o grupo parlamentario denuncian que a Xunta só executou o tramo comprendido entre Raxó e Samieira por 4 millóns de euros.
Por iso, cuestionan ao goberno autonómico se teñen previsto executar no 2021 o proxecto de mellora da seguridade viaria nos outros dous tramos restantes. Así mesmo, cuestionan se a Xunta considera que con estas obras eliminarase o perigo desta estrada e que outras accións ten pensado levar a cabo o executivo. Finalmente, preguntan se estudan a posibilidade de implantar unha vía alternativa que permita facilitar a convencia dos veciños que lindan coa PO-308.
Sobre este asunto pronúnciase tamén o concelleiro socialista Gregorio Agís, quen denuncia "falta de compromiso" por parte da Xunta antes de relatar toda unha serie de deficiencias que presenta esta infraestrutura.
"Faltan pasos para peóns, suprimíronse numerosas prazas de estacionamento no Laño, algo que mesmo fai perigar o futuro dalgún negocio da zona, e tivemos que agardar varios meses para que se instalase unha marquesiña en Raxó. Un traballo, por certo, que tivo que asumir o Concello, xa que a consellería limitouse a enviarnos as pezas por separado", rematou.
Relacionadas:
-
Feijóo sinala como exemplo de mobilidade segura ás sendas da PO-308 entre Poio e Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta anuncia que procederá nun curto prazo a expropiar os terreos para a mellora da PO-308
Por Redacción |
-
Os socialistas lamentan o "bloqueo sistemático" da Xunta ao municipio de Poio
Por Redacción |
-
Poio solicita á Xunta marquesiñas en Albar e Raxó
Por Redacción |
-
A ruta ciclista entre Pontevedra e O Grove xa está sinalizada
Por Redacción |