Anceu, A Esfarrapada e Barbudo, preferentes na limpeza por alto risco de incendio
Os lugares de Anceu, A Esfarrapada e Barbudo foron seleccionados pola Xunta de Galicia como aldeas de alto risco de incendios e as parcelas que se atopan nas franxas de incendios poden acollerse a un vantaxoso convenio para a súa limpeza durante dous anos.
Desta maneira, o Seaga, a Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A., encárgase da limpeza das franxas a un prezo de 35 euros por cada 1.000 metros de terreo (ou a parte proporcional se son menos metros).
Recentemente, segundo o Concello de Ponte Caldelas, asináronse 98 contratos para a limpeza de parcelas en Barbudo, Anceu e A Esfarrapada e xa están conveniadas 250 parcelas, que supoñen unhas 10 hectáreas de terreo, das 30 hectáreas que ocuparían as franxas de incendios destes tres lugares.
Segundo anunciou o goberno local, as parcelas das franxas de protección de estas zonas que non asinen contrato serán limpadas por Seaga a través da execución subsidiaria, previa publicacación no DOG e no BOE. Deste xeito, os terreos que teñan propietario recoñecidos deberán pagar unha sanción e as que figuran como 'descoñecido' quedarán con cargos.
Dende o Concello recordan que é importante que todos os propietarios manteñan limpas as parcelas para protexer as aldeas máis vulnerables ante os incendios.