O Concello recorrerá a sentenza sobre o cesamento de Pilar Portela ao apreciar "incoherencias"
Por Alejandro Espiño
A sentenza do xulgado do social número 3 de Pontevedra, que cualificou como despedimento improcedente o cesamento de Pilar Portela como xerente do Pazo da Cultura, ten "incoherencias" segundo o goberno municipal. Será recorrida ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
A concelleira de Cultura, Carmen Fouces, que tamén ostenta as competencias en materia de persoal, explicou que o Concello "asume" o reproche administrativo do xulgado sobre a forma na que Portela estaba contratada, pero non a indemnización que fixa: 127.840 euros.
Descartada a opción da readmisión, que ofrece o xuíz como solución alternativa ao pago, Fouces defendeu que "non foi un despido senón un cese" pola disolución do organismo autónomo do Pazo, que se integrou na estrutura municipal "por decisión política".
O Concello entende que a indemnización que lle correspondía á ex xerente, como cargo de alta dirección, xa foi abonada no seu día como "finiquito", polo que discute o pago que impón a sentenza deste xulgado pontevedrés en base ao seu salario diario, uns 177 euros.
Pilar Portela reclamaba, do mesmo xeito que pasou con todo o persoal laboral do Pazo -que foi subrogado automaticamente pola administración municipal-, que se lle considerase como traballadora do Concello. Por iso, pedía a nulidade do seu cesamento como xerente.
"Nós sempre consideramos que era un posto de alta dirección", sinalou Fouces, susceptible de ser cesado "sen motivación". De feito, defendeu que a indemnización que recibiu a ex xerente no seu día "e que ela non rexeitou" era "acorde" ao seu posto directivo.
Se fora persoal laboral, segundo a edil do BNG, tanto o seu soldo como a indemnización polo seu cesamento debería ser "moito menor", ao estar regulado por diferentes normativas. Tamén a sentenza conclúe que a súa retribución correspondería a un contrato de alta dirección.
As "incoherencias" que aprecia o Concello céntranse, especialmente, en que aínda que o xuíz fala neses termos do seu contrato, conclúe que as súas funcións "non corresponderían" cun cargo directivo, senón máis ben coas dun xefe de servizo municipal.
O maxistrado si fai un reproche á forma na que estaba contratada Pilar Portela. Apunta que o seu contrato inicial era por un ano e tería que ser cesada ao seu remate. A pesar diso, mantívose no tempo ata que se decidiu disolver o Pazo, vinte anos despois.
A pesar diso, Carmen Fouces asegura que durante ese tempo "non houbo ningunha advertencia" por parte de ningún servizo técnico municipal "que puxera sobre aviso sobre este contrato". En todo caso, "asumimos que se fixo mal".
A sentenza deixa claro, en todo caso, que a decisión de cesar a Pilar Portela non vulnerou "ningún dereito fundamental" e que tampouco foi tomada como "represalia" ou "animadversión" cara a demandante, senón no marco dunha reorganización administrativa.
OS SINDICATOS PIDEN A SÚA READMISIÓN
Tras coñecerse esta sentenza, todas as organizacións sindicais con representación no Concello -CIG, UXT, CC.OO, AFUMPO, SPPME e CSIF- reclamaron ao goberno municipal que non recorra este fallo xudicial e proceda á readmisión "urxente" de Pilar Portela como traballadora municipal, adscrita ao servizo de Infraestruturas Culturais.
Entenden que o xulgado do social número 3 de Pontevedra avala a "inexistencia" das súas funcións de alta dirección, polo que consideran que debe ser subrogada nas mesmas condicións que todo o persoal do Pazo da Cultura.
Relacionadas:
-
Pilar Portela coordinará o novo departamento de música e danza da Agadic
Por Redacción |
-
O TSXG avala o cesamento de Pilar Portela como xerente do Pazo e descarta a indemnización
Por Natalia Puga |
-
Os traballadores do Concello rebélanse contra a política de Persoal
Por Manu Otero |
-
O xulgado desestima a denuncia por acoso laboral dunha funcionaria do Concello de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
O PP pide a dimisión de Carmen Fouces tras a sentenza polo despedimento de Pilar Portela
Por Redacción |
-
O despedimento de Pilar Portela foi improcedente e será indemnizada con 127.000 euros
Por Alejandro Espiño |
-
O PP "non logra entender" os motivos para a disolución do organismo autónomo do Pazo da Cultura
Por Redacción |
-
Un novo servizo municipal coordinará a actividade do Pazo de Cultura e do Teatro Principal
Por Alejandro Espiño |