VIDEO.- Rescatan un home de 83 anos que caeu ao Lérez
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A Policía Local e os Bombeiros de Pontevedra realizaron sobre as 7.45 horas da mañá deste xoves un rescate dunha persoa precipitada ao río Lérez desde a avenida Domingo Fontán. Segundo a información facilitada polos corpos de emerxencias sucedeu á altura da gasolineira do Burgo.
Tratábase dun home de 83 anos que facía pé no río, aínda que a auga chegáballe á altura do peito e non lograba chegar á beira, de modo que necesitou axuda para poder saír do río.
O home estaba consciente, aínda que desorientado, cando foi rescatado e atendido polos sanitarios do 061. Finalmente, trasladárono en ambulancia ata o Hospital Montecelo para a súa avaliación.
A Policía Local apunta que, segundo a informacións que manexan, o home caeu á auga de maneira involuntaria.
Despois do rescate, aparentemente, presentaba soamente unha pequena ferida na fronte.
FALECIDO EN MARTÍN CODAX
A primeira hora da mañá deste xoves a Policía Local tamén tivo que trasladarse ata unha autocaravana abandonada da rúa Martín Códax porque un cidadán alertou da posible presenza dun falecido.
Unha patrulla policial comprobou, a través dunha xanela, que había un home dentro que xa levaba bastante tempo falecido, pois o corpo estaba en avanzado estado de descomposición.
Desde a Xefatura da Policía Local deuse aviso á Policía Nacional, que se fixo cargo da intervención.