A agrupación veciñal Mollabao Sí! aplaude a reforma do barrio e propón algunhas melloras
Por Oskar Viéitez
Este martes tivo lugar a primeira asemblea virtual para a presentación do proxecto de reforma da rúa Rosalía de Castro que discorre polo barrio de Mollabao. A asemblea, que durou dúas horas, organizouse de maneira telemática e contou ca presencia de máis de 60 veciños.
Dende a agrupación veciñal "Mollabao Sí!" valoran positivamente que dende o Concello organizasen este encontro para poder escoitar de primeira man as suxestións e preguntas da veciñanza. Sen embargo, queren resaltar que o proxecto conta cunha serie de carencias identificadas polo veciños en materia deportiva, mobilidade e aparcamento.
A maioría de intervencións deixaron patente o "malestar porque non se contemple ningún tipo de acción máis aló do aparcamento debaixo da ponte".
Onde actualmente hai un circuíto de educación vial, o Concello propón un aparcamento para os usuarios do centro de Saúde da Casa do Mar. Dende a agrupación veciñal sinalan que o Concello non valorou que este centro de saúde pechará coa inauguración do Gran Montecelo. "Os veciños prefiren instalacións deportivas, de lecer, de descanso ou de xogos para os cativos xa que o obxectivo é acercar Mollabao á cidade, non convertelo nun parking", din dende este colectivo.
Pola contra, os veciños suxiren mover as prazas de aparcamento á outra marxe da ponte da autoestrada, a cara sur preto dos terreos da antiga grúa municipal.
Demetrio Gómez xa aclarou que neste punto o proxecto recolle a proposta máis acaída para que ningún trámite con outras entidades, como por exemplo Audasa, retrase o proceso administrativo.
Outro punto que tamén xerou debate foi o da mobilidade, por unha banda demandaron un carril-bici e ademáis pediron o cambio de dirección das rúas Simón Bolívar e Licenciado Molina para axilizar o tráfico e evitar embotellamentos na rotonda de Manuel del Palacio coa avenida de Marín.
En canto á distribución dos usos do espazo público e os fluxos de circulación de vehículos, así como posibles actuacións de acondicionamento noutras rúas da área que, o concelleiro de Obras sinalou que, en principio, non serán incluídas neste proxecto por motivos orzamentarios.
Dende Mollabao Sí! manifestan o súa "alegría polos avances acadados" e remitiron as primeiras 19 propostas ao Concello. Nos vindeiros días serán máis dado que moitos veciños se mostraron activos.
Relacionadas:
-
Prohibido estacionar no aparcadoiro de Mollavao para que poidan rehabilitalo
Por Redacción |
-
Aumenta a deterioración do solar de Mollavao utilizado como entulleira descontrolada
Por Redacción |
-
Asemblea veciñal telemática para presentar a reforma da rúa Rosalía de Castro
Por Redacción |
-
Mollabao Sí! solicita unha serie de melloras de accesibilidade ao proxecto de reforma de Rosalía de Castro
Por Redacción |