Andrés Díaz responde ás críticas sobre os retrasos no Servizo de Axuda no Fogar
Por Redacción
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, responde ás críticas do grupo municipal do PPdeG en relación ás demoras na atención a novos usuarios por parte do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que, segundo os populares, conta cunha lista de agarda de preto de vinte persoas.
Neste sentido, Andrés Díaz indica que o Concello de Ponte Caldelas incrementou, dende a súa chegada á alcaldía no ano 2015, a partida para este servizo un 117%, pasando de 122.000 euros en 2015 a 265.000 euros en 2021. "Un enorme custo que asumimos porque o benestar dos nosos maiores e das persoas dependentes non ten prezo", indica o alcalde á vez que denuncia a pasividade da Xunta de Galicia ao ter conxelado dende 2016 o prezo da hora do servizo pola que paga 9,70 euros/hora cando o custo real do mesmo é case o dobre, asegura Díaz, e esta diferencia é a que están asumindo os concellos.
Argumenta Díaz que "o Servizo de Axuda no Fogar permite que as nosas persoas maiores dependentes poidan seguir vivindo nas súas casas e estén ben atendidas, unha cuestión que é prioritaria para o Concello de Ponte Caldelas". Así mesmo, lembra que a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), en representación de todos os alcaldes de Galicia, está a negociar coa Xunta para que a Administración autonómica asuma a súa competencia sobre a Dependencia, tal e como se reflicte no Estatuto de Autonomía de Galicia, que no seu artigo 27.23 asigna á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social.
Engade o alcalde que a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de Servizos Sociais de Galicia asigna aos concellos, no seu artigo 60, a competencia da creación, xestión e mantemento dos servicios sociais comunitarios básicos, entre os que se atopa o Servizo de Axuda no Fogar. Neste punto, lembra Díaz que o Artigo 27 da Lei de Bases de Réxime Local establece que as delegacións de competencias teñen que vir acompañadas do financiamento correspondente que "no caso do SAF, non se está a cumprir".
Andrés Díaz alude á circunstancia de que Galicia veña de recibir 45 millóns extra do Estado para reforzar as políticas de Dependencia, partida que seguirá incrementándose anualmente ata 2023. Por este motivo incide en que "toma máis relevancia a petición de que a Administración autonómica incremente ano a ano a partida destinada ao SAF para, en 2023, asumir a totalidade do custo deste servizo imprescindible, tal e como está a solicitar a Fegamp para todos os concellos de Galicia".
"Todos os alcaldes agardamos sensibilidade e compromiso por parte da Xunta de Galicia nunha competencia que lle corresponde exclusivamente e que afecta a un sector da poboación especialmente vulnerable como é o das persoas maiores e persoas dependentes", conclúe Díaz.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas realiza máis de 10.000 chamadas para atender a maiores que viven sós
Por Redacción |
-
O PP de Ponte Caldelas critica a "angustiosa" lista de espera do Servizo de Axuda non Fogar
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas aumenta a partida destinada ao servizo de axuda no fogar
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O 70% dos participantes nun curso de axuda no fogar serán contratados
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas asina un convenio coa empresa que xestiona o SAF que favorecerá a contratación de 20 veciños
Por Redacción |