421 sancións nos controis de mobilidade realizados na provincia durante a última semana
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe unha nova reunión por videoconferencia do Centro de Coordinación (CECOR) provincial establecido para o seguimento dos dispositivos de seguridade vencellados á actual situación sanitaria.
Ao encontro asistiron o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal; o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Carlos Valcárcel; a comisaria provincial de Pontevedra, Estíbaliz Palma; o inspector xefe da Policía Autonómica, Diego González; a inspectora xefa UPA-Vigo, Sheila González; e o xefe territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, Ramón Pereiro.
Durante a reunión, as Forzas e Corpos de Seguridade fixeron balance das actuacións levadas a cabo durante a última semana para vixiar o cumprimento das medidas aprobadas pola Xunta de Galicia. En total, do 18 ao 23 de febreiro, a Garda Civil, a Policía Nacional e a Unidade de Policía Adscrita á Comunidade Autónoma (UPA) levaron a cabo 1.594 dispositivos de control e vixilancia sanitaria nos que participaron 1.801 axentes, identificáronse a 15.445 persoas, controláronse 10.933 vehículos e eleváronse 421 propostas de sanción.
No que respecta á Garda Civil, este corpo realizou durante os últimos dez días 1.376 controis nos que participaron 1.138 efectivos. Nestes operativos 11.835 persoas foron identificadas, mentres que se controlaron 8.911 vehículos, rematando cun total de 264 persoas sancionadas.
Pola súa banda, a Policía Nacional levou a cabo 120 controis na provincia que contaron coa participación de 530 axentes. Nestes dispositivos foron identificadas un total de 3.102 persoas e 1.810 vehículos, e eleváronse 93 propostas de sanción.
Así mesmo, a Policía Autonómica efectuou 98 controis nos que identificou a 508 persoas, controlou 212 vehículos e interpuxo 64 propostas de sanción. Nestes dispositivos participaron 133 axentes autonómicos. Larriba quixo subliñar que "o grao de cumprimento da normativa na nosa provincia mantense alto, xa que a cifra de sancións rexistrada nos últimos seis días é baixa e similar á das últimas semanas sendo so sancionadas o 2,7 % das persoas identificadas".
Tan só o 2,7 % das 15.445 persoas identificadas foron sancionadas.
No encontro, os responsables policiais analizaron as medidas anunciadas polo presidente da Xunta de Galicia este luns e que entrarán en vigor o venres 26 de febreiro. Neste sentido, a subdelegada informou de que a Policía Nacional e a Garda Civil continuarán esta semana levando a cabo controis e dispositivos que serán adaptados de acordo á nova normativa autonómica.
Por último, Larriba lembrou á cidadanía que continúa a ser necesario actuar con cautela e precaución, xa que canto menos restritivas son as medidas, mais importante é a responsabilidade individual.