A vertedura con materiais tóxicos denunciado no monte de Lourizán segue medrando
Por Manu Otero
Pneumáticos, electrodomésticos, cascotes, mobiliario, plásticos e restos de uralita, que entraña un compoñente moi nocivo para a saúde como o amianto; acumúlanse desde hai meses nunha parcela forestal de Lourizán, a escasos metros da VG 4.4, coñecida como a variante de Marín, sen que ninguén lle poña remedio.
Lonxe de solucionar o problema, a vertedura non deixa de crecer. A comunidade de montes de Lourizán e o movemento de educación ambiental Savia Nova, a través do seu presidente Iván Pérez, xa denunciou publicamente o caso e púxoo en mans de todas as autoridades sen que, polo momento, ningunha fixese nada por resolvelo.
Esta acumulación atópase moi preto dunha pista secundaria desta vía rápida cuxo mantemento lle corresponde á Consellería de Infraestruturas, aseguran os comuneiros. De feito, unha brigada xa visitou o lugar hai meses para facerse unha idea da magnitude do problema sen proceder á retirada de ningún destes restos. "Se fose porque van contratar a unha empresa especializada en residuos tóxicos xa empezarían a limpar a zona e a retirar o resto de residuos", sostén Pérez que promete non deixar de insistir e denunciar a situación ata conseguir unha solución.
"Queremos que se retire e que sirva de precedente", afirma con decisión o comuneiro que xa denunciou a través das redes sociais de Savia Nova a presenza de grandes estercoleros escondidos entre a vexetación do monte. "Hai moitos máis, e estámolos denunciando", detalla este ambientalista facendo fincapé nos elevados gastos que supón para os propietarios das parcelas a retirada deste tipo de entulleiras. "Na Comunidade de Montes xa tivemos que asumir os gastos de retirada e son moi caros", lamenta.
INVENTARIO DO MONTE
Estas últimas semanas de inverno están a aproveitala os comuneiros de Lourizán para xestionar a súa masa forestal. Os propietarios están a tallar estes días eucaliptos en zonas de gran densidade. Esta acción servirá para previr incendios forestais e para producir unha madeira de mellor calidade. Ademais, nas zonas próximas ás estradas proceden á plantación de especies frondosas e autóctonas que dificultan tamén o avance das chamas.
Non é a única iniciativa en marcha. Iván Pérez, presidente tamén da Mancomunidade de Montes de Pontevedra, explica que está en marcha unha campaña de inventariado do monte. Unha acción financiada co Concello que permitirá identificar con precisión a cantidade e especies de árbores dos montes de Pontevedra. Con esta información, os comuneiros deseñarán a xestión destes recursos para a próxima década coa prioridade de fomentar a plantación de especies autóctonas, reducir a densidade de especies pirófitas e minimizar os riscos de graves incendios forestais.