As imaxes máis atractivas de Cerdedo-Cotobade queren conquistar as redes sociais
O Concello de Cerdedo-Cotobade lanza unha campaña co fin de promocionar os que considera os mellores lugares do municipio. Co lema de 'Presume do monumento, lugar ou paraxe do noso concello', pon en marcha a iniciativa na que, por medio das redes sociais, dense a coñecer os lugares máis abraiantes da localidade e das aldeas colindantes.
Co motivo da chegada do bo tempo, o Concello convida a facer un exercicio de fomento turístico, e suxire os pasos a levar a cabo para esta promoción. O primeiro paso sería publicar fotos ou vídeos en Facebook, Instagram ou en calquera outra rede social. As fotos reflictirán o que a xente considere como os mellores paraxes da localidade, tales como muíños, cruceiros, petos de ánimas, obras, casas antigas e pazos, entre outros. Dende o Concello explican que pode ser calquera cousa "que á xente lle agrade e do que queira presumir".
Ademais, e para que a promoción sexa máis efectiva, o ideal é engadir un hashtag ou etiqueta co nome do lugar, ademais doutros dous cancelos cos nome da parroquia e #CerdedoCotobade. Entre os cancelos suxeridos atópanse #cerdedocotobade, #Dorna, #Pedre, #Almofrei, #bañosdesanxusto ou #Mosteirodetenorio.
Dende o Concello tamén animan a que se aproveite o bo tempo para facer turismo dentro do propio municipio, e así poder gozar destes lugares sen ter que saír do peche perimetral. A iniciativa xa se comezou nesta pasada fin de semana, na que moita xente publicou as súas fotos nas súas redes sociais.