Radio para combater o machismo, o consumismo e o racismo dende as aulas de Carril e Vilaboa
Case 500 mozos e mozas participarán este ano na oitava edición do proxecto de educación en valores 'Activistas polo mundo queremos' que realizarán durante estas semanas programas de radio para combater o machismo, o consumismo e o racismo, tres dos principais problemas que asolan á nosa sociedade.
Nos vindeiros días o alumnado, tras investigar e facer os guións das súas reportaxes, gravarán os seus propios programas de radio de denuncia e transformación social onde abordarán temas de actualidade como os parques eólicos da Serra da Groba e do Galiñeiro, o racismo nas aulas, ou entrevistarán a coñecidas escritoras feministas como Eli Ríos.
Este mércores 24 de febreiro será a quenda dos alumnos e alumnas IES Miguel Ángel González Estévez de Carril, Vilagarcía de Arousa. E nas vindeiras semanas tamén lle tocará ao alumnado do CPI do Toural de Vilaboa. Este ano por mor da pandemia o proxecto inclúe unha forte aposta pola educación virtual, mesturando as sesións presenciais (como os obradoiros de radio), coas online (a través dunha aula Moodle).
'Activistas polo mundo queremos' é posible grazas a unión de tres ONGDs: Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP), e ao financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE. Esta iniciativa forma parte da plataforma de innovación educativa ‘Plan Proxecta’, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.