O PP propón unha normativa para regular o acceso dos clubs ás instalacións municipais
Por Manu Otero
O grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra levará ao próximo pleno unha moción a través da que buscan a aprobación dun procedemento regrado para o uso das instalacións municipais por parte das entidades deportivas da cidade. O concelleiro Guille Juncal explicou que o obxectivo desta normativa é "afastar os criterios políticos do deporte local".
O documento deseñado polos populares, que está aberto a emendas por parte dos técnicos e outros grupos políticos, ten como obxectivo acabar coa "potencial arbitrariedade" que regula a repartición de usos e horas destas instalacións a través da aprobación dunhas bases que recollan os requisitos para seguir á hora de asignar un espazo e un horario a cada club que o solicite.
O documento dará prioridade ao deporte de base e ás escolas deportivas municipais, pero tamén terá en conta o número de licenzas de cada entidade solicitante así como a categoría na que milite cada club.
"Non hai motivo para rexeitala", insistiu Juncal, quen recoñeceu que á súa formación chegoulle diversas queixas por parte de clubs da cidade polo funcionamento mellorable destes equipamentos.
Doutra banda, o edil lamentou a "xestión errónea" do concelleiro de Deportes e tenente de alcalde, Tino Fernández, durante a pandemia. "Non houbo vontade para achegar postura, nin para crear unha mesa para o deporte local, nin para aplicar solucións", lamentou o popular criticando a negativa dos socialistas para aceptar calquera proposta chegada doutras entidades tanto políticas como deportivas.
Relacionadas:
-
O PP asegura que Pontevedra "é a única cidade na que nenos de menos de 10 anos non van poder xogar ao fútbol"
Por Diego Espiño |
-
Os clubs deberán decidir que categorías priorizan para adestrar nas instalacións deportivas mentres continúe o toque de queda
Por Redacción |
-
Tino Fernández aplaude que a Xunta "admita ao fin que hai que aplicar criterios de prevención e prudencia no deporte"
Por Redacción |
-
As instalacións deportivas municipais reabren o 11 de xaneiro para o regreso de fútbol base e afeccionado
Por Redacción |