Reabre a hostalería e anulan os peches perimetrais en toda a área sanitaria de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Tras unha terceira onda da covid-19 que foi moito máis agresiva que as anteriores, Galicia inicia unha nova fase de desescalada. Así o anunciou este luns o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tras a reunión do comité clínico que analizou a situación epidemiolóxica.
Será unha reapertura "gradual e medida", explicou Núñez Feijóo, en base a criterios sanitarios "e non municipais", polo que esta desescalada será "paulatina" e deseñada "a medida" da situación epidemiolóxica de cada territorio.
No caso da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, todos os concellos -salvo Catoira- estarán situados no nivel medio de restricións, ao ter unha incidencia acumulada entre 250 e 500 a 14 días, o que permitirá aliviar as medidas impostas desde o 27 de xaneiro.
A partir do próximo venres 26, estarán permitidas as reunións de non conviventes, cun máximo de catro persoas. A hostalería poderá abrir ata as seis da tarde, pero só para atender en terrazas e cun aforo máximo de 50%.
Ademais, a mobilidade estará permitida entre todos os municipios da área sanitaria. Non se poderá saír nin entrar, con todo, desde outras áreas como Vigo ou Santiago. Esta maior permeabilidade, segundo Núñez Feijóo, permitirá "aliviar" a situación de moitas familias.
É dicir, poderemos movernos libremente polos municipios de A Illa de Arousa, A Lama, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Forcarei, Marín, Meaño, Meis, Moraña, O Grove, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Portas, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.
Aínda que hai municipios cunha mellor situación dentro da propia área pontevedresa, a UCI de Montecelo segue "comprometida" cun número preocupante de pacientes. Unha maior apertura, segundo o presidente galego, podería provocar o seu "colapso".
Catoira, con todo, seguirá pechado perimetralmente ao manter unha incidencia a 14 días maior a 500. Será un dos dezasete concellos galegos no nivel máximo de restricións. Neles, seguirán vixentes as actuais limitacións coa hostalería pechada e sen reunións de conviventes, entre outras medidas.
Outras catro áreas sanitarias, Lugo, Ourense, Santiago e Vigo, pola súa banda, quedarán incluídas no nivel máis baixo de restricións, ao ter unha incidencia inferior a 250. Nelas, tampouco poderá haber máis de catro non conviventes reunidos, pero os bares poderán abrir o seu interior ao 30% e as súas terrazas ao 50% ata as 18:00 horas.
Ademais, tanto no nivel intermedio como no máis baixo se avanza na desescalada deportiva e reabrirán ximnasios, piscinas e centros deportivos, respectando os aforos e co uso obrigatorio da máscara.
A situación de cada área sanitaria, concepto que substitúe ás anteriores "améndoas", revisarase cada semana. A este respecto, o presidente da Xunta avanzou que "pensamos" que a de Pontevedra pasará ao nivel máis baixo "a próxima semana".
Núñez Feijóo debullou tamén outras medidas que afectarán a toda Galicia. Así, as clases nas universidades volverán ser presenciais e os centros comerciais, que non podían abrir as fins de semana, poderán facelo a partir do sábado 27 de febreiro.
ADVIRTE DO RISCO DE "VOLVER ATRÁS"
Tras debullar as medidas que entrarán en vigor o venres, o presidente galego advertiu que Galicia " aínda está lonxe" de alcanzar unha situación "óptima", polo que asegurou que "non teremos dúbidas en volver atrás" coas restricións se isto se descontrola.
Ademais, Feijóo avanzou que nin a ponte de San José, o próximo 19 de marzo, nin a Semana Santa "serán como nos gustaría" e a Xunta non descarta "pechar" se a situación epidemiolóxica "non é abordable". Isto, engadiu, "depende de cada un de nós".
"Ante os primeiros sinais de alarma ou preocupación volveremos ás medidas máis restritivas", avanzou Feijóo, que pediu manter a "cautela". Para iso, sinalou que a incidencia a 7 días terá "máis peso" na toma de decisións para "actuar antes".
Relacionadas:
-
Fin de semana de paseos, terrazas, praia, baños esporádicos e menos restricións
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
Marín unirase ao segundo plan de axudas da Xunta para a hostalería
Por Redacción |
-
Haberá inspeccións contínuas nos bares, que poderán ser precintados se incumpren as restricións
Por Alejandro Espiño |
-
As novas restricións en Pontevedra: que podo facer a partir deste venres?
Por Alejandro Espiño |
-
A hostalería de Pontevedra retoma as protestas nun día de manifestacións por toda Galicia
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
A Xunta confirma a reapertura de ximnasios na área sanitaria
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta amplía as axudas a unha hostelería que intensifica as movilizacións
Por Manu Otero |
-
Galicia prevé reabrir a hostalería "en boa parte" da comunidade a próxima semana
Por Alejandro Espiño |
-
Núñez Feijóo augura unha apertura "gradual e prudente" pero advirte que "non podemos fallar ata maio"
Por Redacción |